Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Altgalizische Urkunden

Filoloxía, resistencia e insubmisión

Altgalizische Urkunden

Vivimos nunha época onde o prestixio da verdade, os saberes humanísticos ou a alta cultura declinan ante a valoración dos negocios, o éxito dun best-seller ou a importancia da tecnoloxía. Certo que a sociedade precisa do doutor Carracedo e da penicilina, pero non é menos certo que Homero, Shakespeare, as cantigas de amigo ou os coñecementos históricos nos axudan a entender mellor a Humanidade. Non deberíamos esquecer que o cultivo das humanidades non só consiste en escribir textos da beleza e profundidade dos clásicos, senón que hai todo un traballo esforzado que desenvolven persoas case anónimas no mundo da lingüística, da investigación histórica ou das ciencias sociais.

Todo isto vén a conto porque acaba de aparecer o libro de Antón Figueroa titulado Margot Sponer. Do galego antigo ás fronteiras da resistencia, un exemplo de como un escritor pode loitar contra o silencio; un exemplo da enerxía dun profesor por facer unha pequena biografía intelectual, seria e honrada, e que ten a carraxe para pescudar entre áridos textos e entregarnos un libro de sumo interese para a historia da lingua galega, para coñecer as relacións intelectuais entre Galicia e Alemaña, para entender a parte máis tráxica da historia de Europa.

O profesor Antón Figueroa mantivo no seu traballo investigador unha gran preocupación arreo polas relación da literatura galega con outras literaturas, seguiu de cerca as teorías sobre o campo literario do sociólogo Pierre Bordieu e formou parte do grupo ESSE Na revista A trabe de ouro xa publicara (2013, un artigo sobre o labor académico de Spponer, e agoa ofrécenos un excelente ensaio para tratar de reconstruír a biografía desta investigadora alemá e as súas relacións co mundo cultural galego. Margot Sponer foi a autora dun escrito titulado Altgalizische Urkunden ou Documentos antigos de Galicia. Aínda que a maioría da sociedade o ignore, é probablemente a primeira tese presentado sobre a lingua galega. Tal acontecemento tivo lugar en 1935 na Universidade de Berlín e constitúe un texto de notable importancia para a historiografía do idioma. A tese fora iniciada en 1927 e segue o modelo metodolóxico de Ménendez Pidal respecto dos documentos medievais casteláns que D. Ramón publicara en 1919 no Centro de Estudios Históricos. Con ese traballo, Sponcer colocaba a filoloxía galega no concerto internacional, para ser obxecto de estudo científco. No seu labor de pescuda, a autora veu a Galicia xa no ano 1926 e aí abriu todo unha rede de contactos con persoeiros como Vicente Risco e que continuou con outras figuras como o editor Moll, de Palma de Mallorca, ou con varios amigos de Cataluña, espazo onde comezará a publicar o froito dos seus estudos no Anuari de l´Oficina Romànica de Lingüística i Literatura a partir de 1934.

Antón Figueroa perfila a figura dunha muller que soubo apreciar a variedade cultural do continente, que sostivo unha ética favorable á convivencia e e que se revelou contra a barbarie nazi. Con testemuñas como as de Lois Tobío ou o mozo Felipe Armesto, vainos contando as relacións con intelectuais de relevo como Ernst Gamillscheg, ou as dificultades que se lle presentaron a Sponer cando apareceron na Uuniversidade de Berlín varios membros da Falanxe para formar parte do departamento de español. Expulsada da docencia,, cando o réxime nazi estaba a piques de rematar, Margot Sponer foi asasinada. A Antón Figueroa cabe a honra de contribuír a sacar da desmemoria unha figura tan fascinante.

FIGUEORA, Antón, Margot Sponer. Do galego antigo ás fronteiras da resistencia, Ed. Laiovento, Santiago, 2017, PVP. 13,90 ?

Compartir el artículo

stats