Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As palabras dun mestre

Pegadas sobre a paisaxe de noso

As palabras dun mestre

Albert Camus dedicou o Premio Nobel ao mestre Louis Germain, que lle dera clases gratuítas e o inscribira para recibir unha bolsa de estudos en Alxer. Camus sempre estivo agradecido a aquel mestre que confiara no seu talento e pódese recoñecer a admiración por el nun libro póstumo: O primeiro home.

En Galicia tivemos, e temos, mestres que ensinaron aos nenos a soñar, a crer no futuro e a coñecer a cultura á marxe da prosa fría dos libros de texto. Un deses homes comprometidos foi -é- Xosé Lois Ripalda, que vén de publicar T erra e auga, na editorial viguesa Ir Indo.

Ripalda pode presumir de ter aberto os ollos a centos de nenos durante corenta anos cun maxisterio nobre e competente. Pero o seu traballo non rematou nas aulas. Xa desde 1980 entregounos libros de narrativa, con títulos como Un fachico de contos ou As tortillas do xeneral. A súa vocación pedagóxica completouse con libros de literatura xuvenil; O camiño dos druídas é o último deles. Afeccionado á etnografía e a cultura de Galicia, estudou os ríos, o universo do viño, as fontes o pan e tantas cousas, xa que como dicía o Hadrián de Marguerite Yourcenar construír é colaborar coa terra, deixar unha pegada sobre a paisaxe. E Ripalda, sen dúbida, puxo todo o seu empeño en transformar a vida que nos rodea, iso si, sen cortar os lazos coa tradición, sen esquecer a sabedoría dos devanceiros. Terra e auga, a súa última contribución é un claro exemplo, que ademais pretende facer unha advertencia á sociedade de que debemos respectar o rico legado que herdamos en diferentes aspectos do patrimonio artístico e popular como poden ser as pontes, os camiños, as construcións para os ríos ou para o mar.

Estamos diante dunha obra ben editada, con fotografía e ilustracións que complementan harmonicamente os textos do autor. Os temas da obra responden a unha preocupación amosada noutros libros e artigos sobre os camiños, as pontes, poldras e pontillóns. Ripalda explica a realidade das comunicación desde as calzadas romanas ata os nosos días, dando conta dos camiños máis espirituais, como o que remata en Fisterra, ata as modernas pontes que se erguen sobre os ríos. Fala das congostras, surrieiras e corrupias, das corredoiras e dos camiños reais que fixeron doado o comercio; das construcións que xorden no límite dos camiños coas casas. Fala dos valados e dos cruceiros, dos petos de Ánimas, tan apreciados pola Contrarreforma católica (e que tanto amolaban a Lutero).

Pero os camiños están habitados por xente que se vale deles para traballar. Por iso o autor trata dos seres que os utilizan desde a proximidade para ir a unha leira ou a unha viña e tamén dos que se valen deles para desenvolver oficios máis viaxeiros como o dos arrieiros ou afiadores. Seres que van contemplando os ríos, os bosques e as aldeas, que coñecen lendas e contan contos, que acaso viviron nun tempo no que era doado ver sobre as augas doces batuxes e dornas, sabaleiras, alxerifes , lampreiras e solleiras, muíños e batáns. Ripalda inunda de luz os lavadoiros e as fontes, racha a silenciosa tea de araña que cubre a cultura popular e fai un chamamento a salvar un mundo que se desfai baixo o mazo da globalización. Sen dúbida, é un home de boa fe.

RIPALDA, Xosé Lois, Terra e auga, Ir Indo, Vigo, 2017, PVP. 19 ?

Compartir el artículo

stats