Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Magín Blanco: "O público infantil ten moitos menos prexuízos ca nós, os adultos"

Magín Blanco nun dos seus expectáculos para nenos. FOTO: fol música

- O seu novo traballo discográfico títulase Camiños. A cales,"camiños", se refire?

-Pois un chisco, a varias cousas. Dunha banda, é una metáfora da aprendizaxe, do mundo escolar. E tamén ao tempo do percorrido e mais o crecemento emocional e persoal.

- O primeiro que chama a atención do libro-cd é a impresionante nómina de escritores galegos/as que colaboran nos textos que acompañan as cancións. Elixíunos Vde., cedéronllos eles ou foron escritos expresamente para o disco?

-Foron feitos expresamente. Cando se me ocorreu darlle este contido literario á edición, funlle mandando unha canción a cada quen e eles, libremente, fixeron o que estimaron.

- Unha aposta súa é, precisamente, a de cantar en galego, o cal desminte o dominio do castelán nos gustos dos nosos rapaces. Coida que eles aprecian a lingua galega máis do que parece?

-Supoño que eles forman parte dun contexto máis amplo que, probablemente, sexa o que determine a súa relacción coa lingua. Si que é certo que todos os que facemos música para menos neste país, o facemos en galego e os menos recíbena con absoluta normalidade. Outro asunto será que, en moitos casos, na propia vida cotiá utilicen máis o castelán e o noso quede reducido a un espazo de ocio cultural.

- Por que,de certo, a poesía e mais a música son as mellores maneiras de conectar co público máis novo?

-Pois penso que son unha opción como calquera outra, pero afortunadamente atopamos una presenza que participa a un tempo de ámbitos tan importantes como o ensino, a familia ou o ocio e que predispón á interacción e á socialización.

- Pertence a unha xeración na que bastantes rapaces preferían os grupos de rock duro ou os de pop, tipo Secretos, antes que a Teresa Rabal. Que lle gustaba a Vde. cando tiña dez ou once anos?

-Na preadolescencia xa se tende a rexeitar o que pode ser tamén para nenos e nenas máis pequenos. Eu, de neno, miraba na tele os Chiripitiflauticos e despois a Gaby, Fofó, Miliqui e Fofito. Logo fun unha esponxa que absorbía todo o que escoitaba. O do Xabarín colleume maior.

- Saíulle algún neno heavy entre os que acoden aos seus concertos?

-Os meus supostos deben ser máis dos Ramones. Dígoo polas camisetas que levan.

- Cal é o segredo de compoñer una canción que lles preste aos máis novos?

-Non sei se haberá un segredo. Procuro que as letras sexan interesantes ou no contido ou na forma de estar construídas. E que a melodía sexa resultona. Case sempre fago os temas en primeira persoa e supoño que iso axudará a identificarse.

- Ten perto algúns asesores á hora de compoñer este tipo de canción ou guíase polo seu propio instinto musical, polo que Vde. pensa que más lle vai a gustar ao seu "pequeno" público?

-Non, déixome levar cada vez máis,como se fose un xogo. Moitas veces fágoas mesmo partindo do ritmo e, iso si, procurando rimas ben sonoras, chiscadelas á nosa propia cultura, onomatopeias e ese tipo de cousas, sen esquecer un chisco de sensibilidade.

- Teño entendido que, ademais, nos concertos haberá unha representación teatral e tamén contacontos. Podería adiantarnos como serán estes espectáculos en directo de Camiños ?

-Dunha banda, temos unha montaxe teatral titulada O camiño dos paxaros con Ibuprofeno Teatro, escrita e dirixida por Santiago Cortegoso, e que inclue catro canción do disco. E eu só fago Camiños, que ten un formato máis musical e é para espazos máis reducidos que non son específicamente teatros.

- Hai vinte e tantos anos cáseque ninguén pensaría que un musico coma Vde., vencellado ao pop rock e pioneiro do galego nestes xéneros, ía optar nun momento dado por este tipo de cancións. Prodúcelle máis satisfaccións actuar diante dos rapaces que diante do seu antigo público dos anos 80 e 90?

-É outro cantar ou outro conto. Os menos son moi agradecidos e dan moita enerxía. Non teñen tantos prexuizos coma nós.

- O libro conta coas ilustracións de Leandro Lamas. Quixera que nos falara do traballo de Leandro, do seu estilo, de por que o elixíu para ilustrar este libro.

-Con Leandro xa fixemos xuntos A nena e o grilo nun barquiño e Canta o cuco. Tamen se encargou de facer a escenografía para a montaxe teatral. Sempre é un pracer traballar con el.

- "Marcho, que teño que marchar", o título dunha das cancións do disco, é unha expresión retranqueira galega cen porcen. Que lugar ocupa o humor nun artista, neste caso un músico, cuxo traballo se dirixe a este tipo de público?

fundamental. O de "Marcho que teño que marchar" semella unha expresión popular, pero en realidade acuñouna Miguel de Lira na sua personaxe para a serie de televisión Mareas Vivas, e xa forma parte da nosa idiosincrasia.

- O de facer "música infantil", a verdade é que (polo menos a min) non acaba de soar nada ben. Como definiría musicalmente o que Vde. fai?

-Os espectáculos que nós facemos están dentro desa categoría ou na de "público familiar" . A partir de aí cada quen dos que traballamos neste eido achegámonos coa nosa propia personalidade.

- Desbota volver facer pop-rock (ou jazz) para adultos ou vainos sorprender un día destes?

-Rotundamente creo que si! Alomenos como músico. Estou moi contento co meu traballo e disfruto moitísimo. Pero iso non quita que, como compositor, si poida facer outras cousas.

Compartir el artículo

stats