Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cándido Pazó: "A baixada do IVE cultural non debería cinguirse só ao prezo das entradas"

Cándido Pazó - actor, dramaturgo e director de teatro

Cándido Pazó, esta semana, en Santiago. // FOTO: xoán álvarez

- Nos recentes Premios María Casares foi Vde. nominado na categoría de adaptador , pola versión de O Tolleito de Inishmann . Mais tamén concursaba cunha obra de seu, Foucellas , da que é autor e director. Ao cabo, gañou o premio á Mellor Adaptación. Se lle deran a escoller, tivera preferido gañar os outros premios (dirección e autor do texto)?

- Non se deu esa posibilidade, porque por Foucellas eu xa non non estaba nominado; pero, se se dese o caso, eu elixiría obviamente o premio como autor porque unha obra escrita directamente por min é, digamos, como unha filla, mentres que unha adaptaciópn dunha obra escrita por outro sería como unha sobriña, á que lle podo querer moito pero que non ten a mesma ligazón emocional comigo.

- Malia ter feito xa unhas cantas, o da adaptación non é unha das súas máis coñecidas facetas teatrais. Cal é o segredo de adaptar ben un texto?

- Non é tan descoñecida en tanto que, cando dirixo, cousa que tamén fago a cotío, tamén estou "adaptando". O segredo de adaptar consiste en coñecer moi ben o ámbito no que traballas, que é o que queres facer, a lingua na que vas montar o teu espectáculo?.en fin: adaptar as túas circuntancias e o teu entorno a esa peza que foi creada no seu momento para outras circunstancias e para outro entorno.

- Sendo tamén un creador, tanto como director como autor de textos, resulta unha dificultade engadida verse limitado polo texto que escribiu outro autor?

- Teoricamente si, porque a esencia hai sempre que respectala. Eu, que son autor, tamén teño visto como outros adaptan obras miñas que non son exactamente o mesmo que a miña pero que, vaia, sempre e cando non digan "branco" onde eu dixen "negro", pois todo vai ben. Do mesmo xeito, cando eu adapto, móvome nese ámbito: isto é, o de non negar a maior, de respectar a esencia da que antes che falaba. Ao cabo, é o mesmo que cando se fai a versión dunha canción: pode gustarche máis ou menos, pero o que é evidente é que nunca aceptarías unha versión na que non recoñecéses a propia canción orixinal.

- Unhas das súas mais singulares experiencias foi a dirección da ópera Bundivar na que dirixe nenos.Quixera que me falara desa experiencia e sobre todo do que supón para Vde. traballar con rapaces.

-Tan singular que foi única, aínda que teño pensado repetila a fins deste ano. Foi algo absolutamente novidoso, nunca tal fixera cousa semellante, así que, antes que nada, teño que recoñecer que o primeiro que fixen foi aprender. Para min o gran reto non só era traballar con nenos, cousa que tiña feito en talleres de teatro, senón que os nenos fosen trinta e tantos. Por iso tiven que darlle moita importancia ás cuestións da organización, a disciplina e a orde, para o cal contei coa inestimábel axuda do director do coro, quen me ensinou que aos rapaces hai que terlles, ao mesmo tempo, moito respecto e moito agarimo.

- Sen dúbida, a faceta pola que Vde. é máis coñecido a nivel popular é a de monologuista cómico. Que diferenza hai entre un monologuista cómico e un contador de chistes?

-O monólogo ten unha ligazón narrativa, unha estrutura, algo do que non precisa un contador de chistes (a verdade é que non me gusta moito esta expresión). Eu o que me considero, diante de todo, é un contador de historias; digamos que unha mistura entre unha cousa e mais a outra, seguindo unha tradición oral do que en inglés se chama standard comedy pero cunha base narrativa moi forte detrás de todo o que eu fago e digo enriba dun escenario.

- Que é máis difícil, sexa como autor, como director ou como actor: facer iír ou facer chorar?

-Para min, é máis difícil facer chorar, malia que, non sei por qué, adoite dicirse o contrario. Cando un fai rir ao público, nótao ben. En cambio, cando o que procura é emocionar, pódelo notar?. ou non. A risa é moito máis contaxiosa que o choro que, por outra banda, é un sentimento moito máis íntimo e máis introvertido.

- Vde. foi un dos adaís a prol da tradución ao galego das obras de teatro de Valle Inclán. Rematado o período de prohibición, xa se están a representar pezas como a que dirixe Quico Cadaval e mais as proxectadas montaxes do CDG. Este vai ser, porén, un Ano Valle Inclán para o teatro galego pero, será só cousa dun ano ou coida que terán continuidade, por parte das compañías galegas, as postas (e apostas) en escea de obras de D. Ramón?

-Eu fun adaíl desta reivindicación no senso de que esa era unha prohibición que non podiamos nin debiamos permitir, porque significaba algo así como un insulto ás línguas galega, catalá e vasca. Dito isto, a min dáme a impresión de que, despois deste ano, non creo que vaia haber unha proliferación de representacións de obras de Valle Inclán en galego (eu, de feito, non teño previsto montar ningunha). Este é o ano da normalización de Valle e a partir de agora montarasse algunha peza de vez en cando, como se montan de vez en cando obras doutros autores.

- Nunca o tentou facer cine pero "á Woody Allen"; é dicir, unha película na que Vde. fose director, guionista e protagonista principal?

-O mundo do cine é moi complexo para un artista coma min e, se me nomeas a Woody Allen, xa mo pos como unha utopía (risos). Un día dixéronme que para ser director de cine hai que ter unha mentalidade obsesiva; eu, en troques, o que teño é unha mentalidade compulsiva; porén parecéme que non sería quen de centrarme durante meses en facer unha película e dedicarme só e totalmente a iso. A mín gústame facer varias cousas á vez, e todas distintas, malia que, iso si, sempre dentro do teatro, do espectáculo ao vivo.

- Sobre a baixada do IVE cultural, no seu facebook lin un texto bastante "desconfiado", por non dicir outra cousa. Quixera que me expusera as súas ideas respecto desta baixada que, segundo Vd., na práctica non lle vale de nada ás compañías de teatro galegas.

-Non é que sexa desconfiado. O que eu penso a este respecto está baseado en datos e feitos. Cando o IVE cultural era máis baixo que o normal, érao no que se refería ás entradas, pero non atinguía os cachés dos artistas do espectáculo, aos que, de feito, nunca nos aplicaron o IVE cultural, senón o normal. Ese era o estado da cuestión antes da subida, e ese vai selo agora que se anuncia a reducción do IVE cultural. Eu, o que trato de facer, é avisar malia que, desgrazadamente, temo que vou acabar tendo razón: vai baixar o IVE nas entradas pero non nos cachés.. Voido que en Galicia o prezo dunha entrada para ver teatro nunca foi pretexto para non acudir a velo.

- Que tería que pasar para que se "asinase a paz" entre as xentes do teatro galegas e as Administracións públicas?

-Sempre debería de haber paz, o cal non quere dicir que non haxxa debate, contraposición de ideas... Pero a relación entre o teatro e as Administracins,, goberne quen goberne, non debe ser permanentemente entendida en termos de combate e trincheira.

Compartir el artículo

stats