Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Memoria de Antoine Rivarol

Un moralista no cerne da Revolución

Memoria de Antoine Rivarol

Entre os pensadores que viviron con sobresalto a Revolución francesa estaban o xornalista da dereita Antoine Rivarol, que se exiliou no 1792, Condorcet -laico, optimista e racionalista- que tivo que esconderse para evitar unha orde de arresto durante o Terror, e Nicole Chamfort, revolucionario xacobino, próximo ao final da súa vida ás teses xirondinas, que por protestar contra a violencia de Robespierre foi condenado á guillotina, o que provocou un intento de suicidio pola súa parte, do que lle quedarían graves secuelas e lle carrexaría máis tarde a morte.

Chamfort , fillo dunha nobre casada e dun cóengo, tivo unha vida azarosa, na que sempre quixo erguer a bandeira da independencia. As súas comedias tiveron éxito e a traxedia Mustapha e Zéangir desencadeou un torrente de bágoas en Luis XVI e María Antonieta, e mesmo fixo que Voltaire o considerara un novo Racine; pero a posterioridade non o lembra por estas obras nin polos premios logrados como poeta ou por ter accedido ao sillón número 6 da Academia francesa, senón polas notas que deixou para a obra Produtos da civilización perfeccionada. Nestes papeis soltos gardados nos seus apousentos, este polémico autor do século XVIII en Francia -un século onde a razón cartesiana prima sobre a fantasía- anotaba as súas reflexións, observacións e opinións sobre a sociedade que o rodeaba. Chamfort, que coñecía ben o mundo da aristocracia -mesmo sufrira burlas dalgúns dos seus membros- , escribe coma un moralista, cunha pluma vivaz, sarcástica e irónica, propia de quen une a amargura cun sorriso indulxente. Os seus textos son concisos, elegantes, e forman parte desa literatura breve que vai de Pascal e La Rochefoucauld a Nietzsche e aos prosistas fragmentarios que despois empregaron o aforismo ou as máximas. Crítico co Antigo Réxime, contraditorio nas súas afirmacións sobre a soidade e a vida social, contrario aos logreiros e pedantes, defende que os políticos e moralistas sitúen a condición humana nun punto intermedio entre o escarnio e a exaltación.

Rinoceronte Editora vén de verquer ao galego Produtos da civilización perfeccionada. O libro contén a maioría destes escritos dos que é doado tirar unha norma de conduta. Leva una introducción do tradutor-poeta Raúl Gómez Pato, un prólogo do primeiro editor e unhas "Notas sobre Chamfort escritas polo conde Pierre Louis Roederer". Logo, no corpo do libro atopamos o escritor que celebra a risa, da unha importancia á natureza que o achega a Rousseau e condena sen paliativos a estupidez humana. Tanto na parte das máximas e sentenzas como na parte dos pequenos diálogos filosóficos o que peor envellecen son as liñas onde se amosa unha visión degradante da muller. Chamfort, que se balancea entre a defensa da solidariedade social e unha misantropía declarada, na caracterización das mulleres fai gala dunha misoxinia que algúns procuraron explicar pola súa sífile e os seus fracasos sentimentais. Albert Camus nun comentario da súa obra foi contundente: "Resulta difícil, así mesmo, introducirse con Chamfort nun dos sentimentos máis comúns e máis necios que existen no mundo: refírome ao desprezo polas mulleres en xeral".

Chamfort, Nicole, Produtos da civilización perfeccionada, (trad. e notas de R. Gómez Pato), Rinoceronte, Cangas, 2016, PVP. 18 ?

Compartir el artículo

stats