Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Coas mans na masa

Museo Etnográfico do Pan de Sarria (Lugo)

Vella bicicleta adaptada para o reparto do pan

A panadería Pallares de Sarria ten tanta historia detrás que ata creou o seu Museo Etnográfico do Pan. É a máis vella da provincia de Lugo e das máis antigas de Galicia. O seu fundador, Tomás Castro, iniciou o negocio no número 100 da rúa Calvo Sotelo en 1876 e a súa filla, María Castro, trasladouno ao seu actual emprazamento no número 94 da rúa Matías López en 1928.

Para conservar a memoria do tempo pasado, esta familia de panadeiros creou hai case cinco anos o Museo Etnográfico do Pan como homenaxe a todas as persoas que as antecederon, pois foron elas os que fixeron posible o legado que agora pode verse musealizado. Como a historia existe para non perderse e transmitirse, conta con todo tipo de máquinas e pezas empregadas para facer pan. Entre outras, unha máquina de elaboración de barras, das primeiras que houbo, un carro artesanal -con rodas de madeira e ferro- para repartir os sacos de oitenta quilos de pan tirado polo propio panadeiro ou unha orixinal bicicleta adaptada cun caixón para a repartición, co prezo de cada unha das coceduras no lateral. Non se podían soltar as mans do velocípedo porque ao facelo viraba a caixa e era fácil tropezar cun vehículo.

O proxecto foi crecendo e ampliándose cunha nova sala que recrea un vello ultramariños no que non falta de nada. O mostrador era dunha vella tenda que se conserva intacto, tal como estaba hai máis de cen anos. Un pioneiro exprimidor ou unha cartilla de racionamento dos tempos da posguerra son algúns dos obxectos que viven neste museo, pero hai moitas máis curiosidades. Unha rateira é unha peza elaborada a base de paus transversais que ía colgada no teito e onde se poñían os queixos, o pan e outros alimentos para evitar que fosen comidos polos ratos. Curiosamente, moi poucos visitantes saben que é ou para que servía. Na tenda poden verse tamén traxes de baño con máis dun século. Imposible non saír deste espazo cun sorriso e o pensamento de como cambiaron os tempos.

No Museo Etnográfico do Pan mostran fotos, maquinaria e un conxunto de recordos que transportan ao pasado facendo deste espazo un lugar cheo de vida e de historia para deleite de clientes e visitantes. Pero non perden o ritmo da modernidade e seguen avanzando. Na actualidade, a Panadería Pallares é un dos establecementos máis emblemáticos e con máis tradición de Sarria. O aprecio polo pasado e o afán por modernizarse son dous dos atributos que mellor a definen.

En xullo cumprirán cento corenta e un anos e probablemente organizarán unha festa como o fixeron anteriormente con familiares, amigos e clientes. O bisavó de Pilar García -actual propietaria do establecemento xunto a Javier Fernández- fundou en 1876 o local que logo a súa avoa trasladou á rúa Matías López. Os veciños de Sarria lembran con agarimo a María Castro, considerada case unha heroína nos duros tempos da posguerra, envorcada por que non faltase nunca un pan a cada familia. No mesmo edificio de Matías López onde seguen elaborando pan, empanadas, repostería artesá e outras suculencias coñecidas dentro e fóra de Galicia porque ao estar en plena ruta xacobea son moitos os que recalan aquí.

O museo, cuxa visita é gratuíta, pode coñecerse mellor da man de Antía, continuadora da empresa familar e guía deste particular espazo que recolle centos de pezas, ademais das propias da elaboración do pan, desde rizadores de pelo aos primeiros bañadores que se venderon na provincia, pasando por latas de chocolate ou vellos periódicos. Ademais o Museo do Pan de Sarria é un centro activo no que se organizan talleres, especialmente para os colexios. Os nenos poden elaborar o seu propio pan, enfornalo e, claro é, comelo.

Premio a unha traxectoria

  • En maio de 2016 a Panadería Pallares recibiu en Lugo un galardón pola súa longa traxectoria nos Premios do Comercio Galego. O proxecto do museo naceu inicialmente como simple idea para non deixar abandonadas antigas máquinas utilizadas polos panadeiros a través do tempo. Despois foi crecendo ata o que é hoxe, coa recreación do proceso de elaboración do pan, desde o momento do gran ata o amasado e a comercialización. Hai amasadoras con oitenta anos de antigüidade ou unha das primeiras máquinas para facer barras. De aquí seguen saíndo, ademais do interese por preservar o patrimonio, elaboracións tan coñecidas como as súas empanadas, melindres, galletas artesás, doces típicos e outros produtos feitos coa sabedoría de xeracións e o amor polo oficio. Do sabor do que aquí se coce saben veciños, camiñantes e turistas. Lugar de paso de peregrinos desde a Idade Media, a vella Sarria expresa ese pasado a través dos artísticos mosteiros e igrexas que balizan o seu territorio. Directamente relacionado coa Ruta Xacobea, naceu o Convento da Magdalena, fundado a principios do século XIII como hospital e albergue para descanso e abrigo de andariegos. Desde aquí os peregrinos seguían pola vella Ponte Aspero para dirixirse a Barbadelo, onde se atopa o templo románico de Santiago, mencionado xa no Códice Calixtino.

Compartir el artículo

stats