Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un acertadísimo premio

Moito máis ca novela negra

Un acertadísimo premio

O Premio Xerais 2016, A ira dos mansos de Manuel Esteban, incide en dous dos obxectivos principais deste galardón: permite dar a coñecer un novo autor, que se estrea con esta interesante e atípica novela mentres posibilita gañar lectoras e lectores en galego. Ás veces os Xerais teñen premiado obras de culto: construcións narrativas inxentes, que esixen do público receptor un grande esforzo decodificador e que fican aí, dispostas para seren consideradas historia das nosas letras, mais non sempre triunfadoras na difícil angueira de achegar lectorado. Noutras ocasións, como na súa primeira edición, da que saíu triunfadora Crime en Compostela de Carlos Reigosa alá polo afastado 1984, a aposta semella ir máis pola vía de seguir sumando públicos diversos á literatura galega. A ira dos mansos sitúase nesta última liña engadindo un extra de fondura, ademais de recuncar na escolla (polo menos formal) do xénero negro como chave mestra para facelo.

A novela comeza coa aparición do corpo dunha moza con síndrome de Down que mostra signos evidentes de ter sido brutalmente asasinada. A partir de aí, o autor presenta dous personaxes que serán fundamentais para o desenvolvemento da trama: o inspector Carlos Manso, un sabuxo da vella escola aínda na corentena cun aquel de misantropía que agocha, porén, un corazón en agarda a que o sorprendan, e Lorena, directora tan intelixente como atractiva da asociación Alza-Down, que cambiará en parte certas concepcións vitais manexadas polo inspector. Ambos os dous (ademais do exquisito elenco de secundarios "polis" que acompañan, sempre cunha certa distancia prudencial, ao protagonistas nas súas pescudas) e a cidade de Vigo (que parece consolidarse como o gran escenario da narrativa galega da última década), serán os fíos que cosan unha trama marcada polos dous crimes que dan sentido ás dúas partes irregulares (pola súa extensión desigual) da novela. Velaquí o lugar onde atopamos o principal (e acertadísimo) artificio da mesma: baixo a súa tona aparente de texto do xénero negro, co seu inspector implacable, os seus asasinatos complicadísimos de dilucidar, os seus espazos ben delimitados e a súa musa interesante a quen amar (en secreto, por suposto), decatámonos que A ira dos mansos ten que ser, por forza, algo máis que "outra novela detectivesca". O primeiro asasinato resólvese xa por volta da páxina 60. O segundo resulta ser o dun home de principios inexistentes que semella non importarlle a ninguén. Que ocorre, entón? Manuel Esteban empregou os vimbios desta modalidade narrativa para falarnos doutra cuestión de moita maior fondura, e habitualmente silenciada pola literatura (especialmente a dirixida a público adulto): a diversidade funcional. Ou o que é o mesmo: a evidencia de que as persoas temos, mesmo ao longo da nosa vida, capacidades diversas. A certeza de que hai persoas que nacen con capacidades diferentes que, en ocasións, o grupo maioritario -falsamente homoxéneo- despreza, silencia ou ignora.

Aquí a reflexión non se achega ao fío de longos parlamentos. Non é iso o que van atopar neste texto. A reflexión, a toma de conciencia de que hai unha realidade que non se quere mirar e unhas persoas con dereitos idénticos aos "nosos" (os falsamente chamados "normais") que poucas veces vemos, pero sobre todo que poucas veces escoitamos, faise a través da acción. Porque n'A ira dos mansos non deixan de ocorrer cousas: as típicas escenas con que gozamos as seareiras da novela negra, que manteñen un ritmo narrativo alto e esixente, mais baixo esa tona entretida e dinámica, suceden outras que fan agromar ese (re)pensarmos o mundo dende outra perspectiva. Fondura e entretemento nunha novela para cambiar o mundo. Por iso se escribe, por iso se le.

ESTEBAN, Manuel, A ira dos mansos, Ed. Xerais, Vigo, 2016, PVP. 16, 65 ?

Compartir el artículo

stats