Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cruce de camiños

Atrevesando a arte coa moda

Entrada do Museo Salvatore Ferragamo (Florencia).

Salvatore Ferragamo, a coñecida empresa florentina -orixinariamente dedicada aos zapatos e que dende hai décadas ocupa todas as liñas de negocio na moda- conta cun museo situado no Palazzo Spini Feroni, sé orixinaria asemade da empresa, e que foi inaugurado en 1995. O antecedente do mesmo atópase nunha exposición itinerante que, baixo o título Salvatore Ferragamo.The Art of the Shoe 1927-1960, se dedicou ás creacións da casa no final dos anos 80. Ao cabo, a mostra temporal transformouse en permanente, inaugurándose o museo en Florencia. A Fundación Ferragamo coida o patrimonio e mais o arquivo da casa de modas e calzado. Asi mesmo aporta orzamento para a restauración de monumentos históricos: recentemente vén financiar a restaurarición de oito salas da Galleria degli Uffizi. Neste ano 2016, o Museo Ferragamo presenta a exposición Tra Arte e Moda, comisariada por Stefania Ricci. O evento analiza as borrosas fronteiras entre arte e moda, propoñendo ao visitante a tese de que a moda é unha nova forma de ver o mundo. De certo, non se trata dun universo limitado aos traxes que se poñer, hai moito de cultura e investigación detrás. A moda mira cara á arte para aumentar o propio prestixio e a arte sente curiosidade pola moda, pola liberdade de representación e a súa contemporaneidade.

O punto de arranque da mostra é un zapato de dona de talón alto que Salvatore Ferragamo diseñara para Marilyn Monroe. En 1958, engadiu Ferrganao a ese zapato de ante uns círculos concéntricos de cores: unha especie de diana que ten unha forma semellante ao motivo do cadro sen título, pintado por Kenneth Noland nesa mesma altura. Da súa parte, o surrealismo está presente co abrigo de noite creado por Elsa Schiaparelli con Jean Cocteau en 1937 e que ten un bordado nas costas representando dous perfís cun xerro con rosas.

A deseñadora Germana Marucelli, considerada a creadora a moda milanesa, presenta na mostra un vestido corto de festa, de alta costura, da colección outono/inverno de 1968-9, feito en lentellas sobre seda. O vestido azul ten uns círculos negros que son froito da colaboración da modista co artista Paolo Scheggi, de quen tamén se anotan obras na exposición. Do creador Nick Cave vemos o chamado Soundsuit, do ano 2010, feito en tecido de punto, con blondas concéntricas e cadradas, que remata nunha gran mitra. A peza é unha escultura para vestir que altera as proporcións de corpo e testa. Mentres, Yinka Shonibare ten unha linguaxe articulada sobre esculturas feitas con tecidos africanos: na mostra presenta Food Faerie do ano 2011, un anxo feito con manequín, algodón holandés, ás de pluma e base de aceiro. O dúo Viktor&Rolf caracterízase por facer uns desfiles performativos, nos que aparecen roupas no límite da utilidade. Na mostra teñen a Shirt Symphony do ano 2011, un enorme vestido branco feito de satén, cunhas mangas de xemelgos enormes que saen dende o pescozo.

Rexistramos tamén nas salas do museo creacións dos artistas que no troco do século XIX ó XX, miraban o clasicismo grecolatino para innovar: corpos liberados da faixa e do polisón, que permitían liberdade ás donas, tal como o modisto e deseñador español, afincado en Venecia, Mariano Fortuny, Hai imaxes tamén de Dante Gabriel Rossetti e de Gustav Klimt. As vangardas están representadas con Sonia Delaunay e Elsa Schiaparelli, dúas mulleres que fixeron do cubismo órfico e do surrealismo, respectivamente, o fío condutor. Yves Saint Laurent, inspirado en Mondrian; Yohji Yamamoto, inspirado en Joan Miró; Andy Warhol ilustrador de revistas de moda; o refinamento de Capucci ou as invencións motrices e políticas de Hussein Chalayan veñen contemplar a proposta.

Industrias culturais

  • Non é soamente Salvatore Ferragamo a única empresa italiana de moda que dedica parte dos seus recursos e actividade cultural. A Fondazione Prada, constitúida en 1993 presenta asemade exposicións de artistas como Anish Kapoor, Damien Hirst ou Jeff Koons. En 2009 instalou en Seúl un pavillón chamado Prada Transformer, edificio con estrutura mecánica móbil cuberto por unha membrana que troca de forma e que serve para acoller a exposición de moda Waist down- skirts by Miuccia Prada.O grupo francés Kering ten a François Pinault Foundation, con sé en Venecia, na Punta della Dogana, reformada polo arquitecto xaponés Tadao Ando. E tamén en Venecia, o Palazzo Grassi é outra sé da Fundación onde se celebran notables exposicións das artes.A empresa Gucci, pertencente ao grupo Kering, abriu en 2011 o Gucci Museo, en Florencia, no cal se expón una colección permanente de vestidos e accesorios da firma. Os obxectos aparecen acompañados de referencias aos mitos do cinema e da cultura popular do século XX, como Sofia Loren, que fixeron da firma un referente. Xunto á parte da empresa hai exposicións temporais de artistas, centrados esencialmente en cinema e novos soportes, no espazo "Contemporary Art Space."Giorgio Armani, inaugurou en 2016 o seu museo Armani Silos en Milán, onde mostra o seu universo. En fin, espazo Corso Como, tamén en Milán, acuñou nos anos 1990 o termo "concept store" e segue a expoñer e vender arte, moda e literatura.

Compartir el artículo

stats