Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un fermoso texto

Empatía e amor á natureza

Un fermoso texto

O mundo dos afectos traspasa a frontera das relacións interpersoais e establécese no dos seres vivos para amosar que os sentimentos tamén abrollan e se manifestan en diferentes espazos onde late a vida. Así en A árbore da escola atopamos expresións de empatía e amor á natureza que resultan tenras e saudables.

Primeiro Pedro, logo Marta e máis adiante outros compañeiros reparan na existencia dunha árbore ao comezo moi delgada, con pólas finas e cunhas poucas follas secas e que co paso do tempo e os coidados dos rapaces se converte nunha frondosa e vizosa árbore con pólas altas e fortes capaz de albergar non só unha casiña de paxaros, senón tamén unha gran cabana que habería de servir de biblioteca e lugar de xogo dos nenos.

O agarimo, a compaña e as palabras obraran o milagre: converter unha planta débil e solitaria nun ser que atrapa a atención de quen pasa ao seu lado e repara na súa vitalidade.

Antonio Sandoval achégalles aos cativos un fermoso texto no que a natureza se converte en protagonista, paciente convidado de pedra ao comezo, pero que pronto pasa a ser o personaxe activo na historia, en virtude do paso do tempo que o autor presenta comprimido nunhas liñas para que se perciba a fin do proceso e a súa continuación noutra escola nunha sorte de estrutura circular moi substanciosa.

A educación ambiental e o traballo colaborativo convértense nesta historia nos eixos fundamentais sobre os que o autor tece o texto e os resultados dende o punto de vista pedagóxico non poden ser máis atractivos. Por unha banda, alúdese ao proceso educativo, integral e interdisciplinario que considera o ambiente como un todo e que ten como obxectivo a formación de individuos capaces de coñecer e recoñecer as interaccións entre natureza e sociedade para actuar sobre o entorno. Por outra banda, a referencia á cooperación propicia o desenvolvemento de competencias e habilidades e reforza as relacións interpersoais o que permite unha formación integral do neno.

Ademais doutros valores como a axuda, a necesidade de ser aceptado ou mesmo a paciencia subxacen nesta historia aparentemente inxenua e intencionadamente sinxela para que o lector modo aprehenda a esencia das relacións colectivas.

Pola súa parte, o percorrido plástico que acompaña ao texto evoluciona paralelo á historia e circunscríbese ao espazo do patio dun colexio para enmarcar os acontecementos nun lugar de aprendizaxe e xogo por excelencia.

SANDOVAL, Antonio, A árbore da escola (ils. Antonio Sandoval), Ed. Kalandraka, Pontevedra, 2016, PVP. 13 ?

Compartir el artículo

stats