Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Entre ruínas e monxas

Pescudando en Ramirás

Entre ruínas e monxas

"Corpus epistolar Hildegarda-Ona Guiomar, contra 1157: Prezada irmá en Cristo, venerable Guiomar Méndez, ona de Ramirás, de Hildegarda von Bingen, abadesa de Rupertsberg, que a Paz de El-Señor sexa convosco. Dítolle esta carta ao meu bo amigo Volmar, con certa celeridade, para que saia axiña por un correo eclesiástico que agardará unhas horas a que se acabe de redactar."

Que mellor comezo que ler o arranque dunha das cartas da personaxe histórica alcumada Sibila do Rhin, dirixida á abadesa do Mosteiro de San Pedro de Ramirás?

Velaí como vai sendo ficcionalizado por Ramón Nicolás (Vigo, 1966), na súa opera prima de creación, o plano histórico do século XII, centrado nun cenobio ourensán. Plano que conflúe co da actualidade, na que un profesor de Historia, Martiño, pescuda nos documentos achados ao construírse unha residencia de anciáns por riba das ruínas do desaparecido convento.

Ao equilibrarse literariamente os dous planos, en capítulos alternativos, imos coñecendo os avances do profesor na investigación sobre os textos: vinte e dous pergameos de forma rectangular dobrados pola metade e xusto no lugar por onde se pregaran, os efectos do paso do tempo dificultaban a lectura dalgunhas liñas ou fixéranas desaparecer. Un corpus epistolar que só conservaba unha das voces do diálogo.

Das infinitas oportunidades que ten o noso pasado, Nicolás vírase cara á realidade dun tempo rico en matices, escurecido ou invisibilizado: o día a día dun convento, dunha comunidade relixiosa feminina, na baixa Idade Media. Crea o novelista, dun xeito verosímil e natural, unha ficción na que podemos sentir como a ona, a abadesa das touquinegras daquela parte do mundo, avanza polo claustro co breviarium na man, preocupada polo goberno do convento, deixando un ronsel sonoro cos seus pés.

O lector, a medida que afonda a pescuda do protagonista, acumula información sobre as personaxes da época. Subministran datos ensaísticos, atractivos e inusuais, secundarios aos que Martiño acode. Dese xeito coñeceremos a un docente xubilado que publicara estudos sobre as monxas de San Pedro e, por fin, aínda que sexa case ao remate da novela, esta recensión pode conter spoilers, coñeceremos o significado da denominación de ona, exclusiva para a abadesa: palabra probablemente vencellada co latín domina, que derivaría logo en ona, fórmula de tratamento tan só para a abadesa, e tan só para a deste convento de Ramirás.

Din que foi Stendhal o precursor da escrita cinematográfica, construíndo, con fermosas imaxes, breves escenas de forte poder evocador. Tal como a do moi elíptico amor de verán entre Martiño e Icía, brindando ao sol de agosto nun axitado venres en Baiona. Tal como a visión do lugar onde estiveran as ruínas do convento de Ramirás, das que nada queda xa cando pechamos a última páxina desta novela: aquel lugar exacto que fora, durante un tempo, o espello do mundo.

Paira, na visión da desfeita sobre o conxunto conventual, o espírito crítico sobre as actuacións urbanísticas que se levan feito no noso país. Incide na beleza que houbo de se perder, nos trazos de períodos pasados da historia que houbemos de ter conservado, ou tratado con maior sensibilidade cando menos, ao longo do pasado século XX, tan contraditorio e descoidado para as alfaias arquitectónicas, como, ás veces, semella ser a alma deste país, que nese seu espello se reflicte.

As que seguimos, dende hai vinte e cinco anos, a traxectoria de Ramón Nicolás como crítico literario, amais de profesor e ensaísta, celebramos tamén que agora teña subido un chanzo máis na escrita de seu, cara á creación. Parabéns.

NICOLÁS, Ramón, O espello do mundo, Ed. Xerais, Vigo, 2016, PVP. 16, 65 ?

Compartir el artículo

stats