Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Canda un milagre barroco

O santuario das Ermidas (O Bolo)

Casa da Administración.

No concello ourensán do Bolo o santuario de Nosa Señora das Ermidas emerxe con todo o seu esplendor barroco entre unha paisaxe montañosa cortada pola profunda engroba que forma o río Bibei. O templo, declarado Ben de Interese Cultural desde 2006, acolle a imaxe da Virxe que dá nome á vila, erguida sobre unha ladeira de vertixe, refuxio de ermitáns séculos atrás, lugar de peregrinación e cume do barroco rural galego.

Di a lenda deste lugar milagroso que a imaxe de María foi descuberta por uns pastores no interior dunha cova, probablemente no século XIII, aínda que a súa orixe se pode remontar no tempo, cando sete ermitáns aposentaron en sete covas. Dunha primitiva capela construída para acubillar á Nosa Señora e mais o Neno pasouse á edificación actual, levantada a partir de 1624. Nese ano o bispo de Astorga, Don Alonso Messía de Tobar, que se atopaba de visita pastoral por estes lugares, enfermou gravemente, séndolle de pouco ou nulo proveito os remedios humanos. Encomendouse entón á Virxe das Ermidas, da que oíra os seus milagres. Un día a santa imaxe aparecéuselle, e tras iso recobrou repentinamente a saúde. A partir do acontecido, creceu a devoción, á vez que o bispo decidía dar forma ao maxestoso santuario do que destaca, entre outras características, a súa magnífica portada enmarcada por columnas salomónicas, profusamente ornamentada e flanqueada por dúas torres divididas en cinco tramos, todos eles diferentes. O interior alberga interesantes pezas e curiosidades como o exvoto dun galeón que pende do teito da nave central, infrecuente nun santuario da Galicia interior. Conserva asemade retablos de gran interese, dos cales o que máis sobresae é o do Altar Maior debido á súa riqueza. Todo o conxunto é único, situado ademais nun emprazamento extraordinario, xa que coroa un penedo natural situado ao fondo da valgada formada polo río Bibei.

O sucesor no bispado de Astorga, Frei Nicolás de Madrid, decidiu engrandecer máis a basílica e construíu a ábsida e o cruceiro. Houbo outros prelados, todos devotos da Virxe, que foron grandes benefactores do santuario, que loce por iso diferentes escudos episcopais. No atrio levántase un fermoso cruceiro do devoto portugués Manoel Miranda e o famoso Via Crucis composto de catorce capelas e 62 figuras talladas do século XVIII. As celebracións no santuario gozan de gran resonancia, como a Semana Santa co Domingo de Pascoa, un dos momentos meirandes da devoción mariana durante o que acoden gran número de fieis ás Ermidas. Outra multitudinaria celebración é a do 8 de setembro ou a da Virxe do Rosario en outubro, entre outras.

A arquitectura barroca resalta tamén no Via Crucis inspirado no do Bom Jesus de Braga. Cada capela abovedada de granito contén no seu interior conxuntos escultóricos de madeira policromada representando os pasos de Xesús camiño do Calvario. As catro primeiras estacións comezan no adro para continuaren polas rúas da vila ata culminar coa Resurrección. Cada semana de Paixón, a procesión vaise detendo para despois subir pola ladeira empinada chamada "Camiño do Deserto", que remata no farallón que cobre por detrás o santuario.

Na localidade destacan así mesmo as mostras de arquitectura popular, con casas ergueitas sobre a mesma rocha, con solainas de madeira e adegas de pedra. Desde o alto, antes de baixar á vila, entre viñas en socalcos e oliveirais que bordean o val, pode verse o conxunto levantado sobre a ladeira en fermosa panorámica. Abaixo, xunto ao río, existe unha praia fluvial nunha contorna no que tamén se levantan muíños, un deles con teito de sillares contruido entre uns penedos. Nun paseo pola aldea, ademais da contemplación de construcións típicas, atópase "A Dormiñona", unha curiosa fonte coa imaxe dunha muller durmindo. Di a historia popular que a moza entraba no sono mentres enchía o seu cántaro, tan pouca era a auga que manaba do cano.

No alto do castelo

  • O concello do Bolo está cheo de lugares con historia e de paisaxes inesquecibles. Ademais do santuario, entre os monumentos que conserva este municipio ourensán destaca o castelo situado na mesma vila. Datada a súa construción entre os séculos XII e XIII, sufriu importantes danos coas revoltas Irmandiñas, sendo reconstruído a finais do século XVI baixo o auspicio do conde de Benavente, Juan de Pimentel. Tras varios usos e etapas de abandono, a fortaleza comezou a rehabilitarse en 1999, concluíndo as obras en 2001.O museo do castelo do Bolo, aberto ao público, ten carácter interactivo e permite coñecer de maneira amena e didáctica a historia dun fortín do século XV. O centro de interpretación fai un percorrido desde as orixes do castelo deica á actualidade. A exposición conta con varios ambientes de época, ademais de paneis, textos e ilustracións de forma que a historia se víve de preto e de maneira participativa. Tamén se pode subir á torre para gozar da vista que ofrece. O centro conta con dous espazos: a propia torre da homenaxe e un edificio anexo construído no século XVI, encostado á mesma. Da fortaleza orixinal quedan aínda os restos da muralla, baluartes semicirculares nos muros (circulares nas esquinas), o patio de armas e mais o alxibe.

Compartir el artículo

stats