Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Revisitar o pasado

Contra esquecementos e contradicións

Revisitar o pasado

A maioría de nós temos un coñecemento da historia de Galicia que, a grandes trazos, segue o seguinte esquema: no período anterior á chegada dos romanos, Galicia estaba habitada por un pobo que tiña unha identidade nacional de seu, recoñecida e respectada polos romanos, que estableceron a provincia da Gallaecia; a romanización é o seguinte período, do que facemos unha valoración negativa, xa que puxo fin a ese período galaico ou céltico, aínda que somos herdeiros do seu legado; síguelle un novo período sobre o que tamén temos unha valoración positiva: o reino suevo, que coincide cun período de esplendor cultural e remite a un pasado reino independente; logo ábrese un longo período medieval no que malia que aceptamos unha florecente literatura non recoñecemos no noso pasado un reino de seu -aínda que somos quen de admitir unha excepción: a que representa o rei don García-; seguidamente, a execución do mariscal Pardo de Cela e a brutal 'doma e castración' de Galicia, o que abre unha longa paréntese de séculos escuros; a superación dese período realizarase grazas ao rexurdir da nosa conciencia nacional, onde xogan un papel relevante os mártires de Carral, o banquete de Conxo, os homes e as mulleres do Rexurdimento?, pero que se ve dificultada porque nese momento factores sempre externos (os fomentadores cataláns, os comerciantes foráneos? ou o goberno de Madrid), condenaron a Galicia a un atraso secular.

Ora ben, para quen queira velo, ese esquema é contraditorio e non ofrece un relato coherente do noso pasado; non en van, algunhas desas contradicións poderían formularse en forma de preguntas: Que papel xogaron os celtas no noso pasado? É posible que nun territorio marxinal do Occidente peninsular tivese a súa sé unha das dioceses máis importantes da cristiandade medieval, onde se construíu o maior templo románico? Como é posible que houbese na catedral compostelá un panteón real se se trataba dun territorio marxinal? Que sentido ten que a lingua dese mesmo territorio marxinal fose a lingua de expresión literaria por excelencia en varios dos reinos cristiáns peninsulares? Por que no noso imaxinario colectivo a Galicia románica foi quen de anular a presenza de grandes monumentos góticos nas nosas vilas, como os que podemos ver en Betanzos, Pontevedra ou Santiago? Que significado tivo na historia de Galicia a execución do mariscal Pedro Pardo de Cela o 17 de decembro de 1483? Como é posible que un período escuro da nosa historia, os Séculos Escuros, coincidan co esplendor barroco, no que se constrúe a fachada do Obradoiro? Acaso non estaban as elites, concretamente o clero e a fidalguía, ben integrados no proxecto imperial da monarquía hispánica? Foi un feito transcendental na construción nacional de Galicia a execución, o 23 de abril de 1846, do xeneral Solís e outros militares máis en Carral ou é un mito fundador creado a posteriori? Como é posible combinar o imaxinario do atraso económico de Galicia co pulo económico de cidades como Vigo ou A Coruña, onde unha poderosa burguesía local promoveu a construción de edificios e outros espazos urbanos deseñados por arquitectos ben conectados coas tendencias arquitectónicas do momento?

Algunhas destas cuestións e mais outras, atopan resposta na obra colectiva, editada polo catedrático de Historia Moderna Isidro Dubert, Historia das historias de Galicia (Xerais 2016), coa que tentan desvelar as implicacións sociais, políticas e ideolóxicas que se agochan detrás deses esquecementos ou contradicións.

DUBERT, Isidro (ed.), Historia das historias de Galicia, Ed. Xerais, Vigo, 2016, PVP. 21 ?

Compartir el artículo

stats