Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

LETRAS GALEGAS 2016 - MANUEL MARÍA

Da esencia máis nosa

Manuel María: Sociolingüística en verso

Manuel María, Celso Emilio Ferreiro e X.L. Méndez Ferrín.

O idioma galego é o tema, central ou non, de trinta e catro poemas de Manuel María, recolleitos, recentemente, nun volume que o seu editor e prologuista, Xosé Ramón Freixeiro Mato, titulou A esencia máis nosa. Poemas sobre a lingua galega. Non sei de ningún poeta galego, anterior ou posterior a 1936, que se teña debruzado tantas veces sobre este tema, sobre esta cuestión, pois cuestión é calquera realidade que cómpre defender e reivindicar. Reivindicativos son sempre os versos de Manuel María, bardo da causa do idioma desde 1968.

De 1968 é o poema "Pliego de descargo" (no libro Proba documental); en ningún dos libros anteriores hai poemas centrados na ilustración e defensa da lingua galega. "Pliego de descargo" comeza deste xeito: "Como hei falar galego e deixar/Que o falen os meus fillos?

Pero quen non quere que os seus fillos se lixen polo feito de falaren en galego é "un señorito" que vén "de xente fina" e que vive nun fogar onde "o galego somentes é o idioma que usan os criados". Este señorito sabe ben que, en Galicia, "máis do oitenta por cento" empregan o galego, pero -aclara- "son brutás e brutamontes", "pobo que non sabería conducirse nun casino". Para renegar da lingua galega o señorito do relato ten, entre outros, este argumento: "mire a linguaxe / que emprega en Galicia a Santa Igrexa, / sempre nai amorosísima, / mesta infalóbel, / gardadora fidel do seu rebaño". O lector decátase axiña de que o eu que fala no poema non é Manuel María senón alguén que pertence a un estamento da clase media moi preocupado por non emitir signos que poidan facer pensar á xente que non pertence a unha clase "nobre", á burguesía. El non pertence á clase dos "labregos", "carpinteiros", "ferreiros", "mariñeiros"? el non é "un desfarrapado", polo tanto, emprega o idioma dos que teñen "criados"

Manuel María non está totalmente alleó á Socioloxía marxista que, con non pouca autocensura, se facía entre nós desde había algúns anos. Nunha revista madrileña, Signo, eu publicara un artigo con este título: "El idioma gallego en su aspecto social. Lengua vil en el ideario burgués" (10-12-1966). Foi reproducido en Irmandade, de Caracas, co título "El gallego lengua vil para los señoritos" (nº 15, 1967). Dirixía aquela revista Celso Emilio Ferreiro, responsable do novo título do meu texto. Meses antes, eu publicara na revista Grial un "Ensaio de Bilingüística" (13, 1960) onde explicitaba máis a cuestión, por exemplo, neste parágrafo: "En Galicia, a cultura, a riqueza, o poder, a alta posición social e o mensaxe divino identifícanse, en liñas xerais, co idioma castelán, ou seña, a outra fala [o castelán] aparece identificada cos valores máis cobizados pola sociedade burguesa. Por este camiño chégase á conclusión de que o pensamento burgués non é o máis axeitado para plantear a fondo o problema da lingua en Galicia".

Tiña razón Manuel María cando nun poema contemporáneo, "Acuso á clase media", caracterizaba á burguesía como a clase que vivía "na súa terra despreciándoa, / intentando borrar o seu idioma".

Agora ben, quen, na Posguerra, inventou o primeiro poema no que o idioma galego é gabado por ser unha fala non burguesa e non señorita, foi, no libro Longa noite de pedra, Celso Emilio Ferreiro. A laudatio ábrese cos versos dos que eu transcribo estas secuencias: "Lingua proletaria do meu pobo/eu fáloa? [?]/porque me sai de dentro, alá do fondo, [?] ao ver tantos patufos desleigados,/pequenos mequetrefes sin raíces/que, ao pór a garabata, xa non saben/afirmarse no amor dos devanceiros,/falar a fala nai,/a fala dos avós que temos mortos,/e ser, co rostro erguido,/mariñeiros, labregos do lingoaxe,/remo i arado, proa e rella sempre./Eu fáloa porque?/e quero estar cos meus, coa xente miña,/perto dos homes bos que sofren longo/unha historia contada noutra língoa."

A lingua é nobre por ser a lingua dos de humilde condición socioeconómica, afirmación propia de quen lle retorceu o pescozo ao pensamento burgués. En verso só había un precedente de entidade: a estrofa 13 da "Introdución" de Aires da miña terra, de Curros Enríquez. Son catro versos de ouro: "Fala de meus avós,/ fala en que os parias,/de tréboa e polvo e de sudor cubertos,/piden á terra o grau da cor da sangue/que ha de cebar a besta do laudemio."

Nos 84 versos da excelsa "Introdución", Curros fai un canto á lingua galega, gabanza na que salienta, entre outros trazos, a súa condición de fala "armoñosa", de "idioma en que garulan os paxaros" e "en que falan os ánxeles ós nenos", de lingua "do úneco rei sabio" que houbo en España? "Piropos" desta índole abundan nos poetas contemporáneos de Curros (e nalgúns anteriores), pero ningún, antes de 1962, viu na condición social do idioma galego un signo de nobreza. Esa condición, formulada sen eufemismos (fala dos parias), aparece, na ladaíña de "piropos" da "Introdución", en primeiro lugar. Curros Enríquez, pois, foi o primeiro en retorcerlle o pescozo á concepción burguesa do idioma do país.

En 1969 publiquei unha antoloxía que titulei "Escolma de textos democráticos sobre o idioma". Figura, como Apéndice, no meu libro O que cómpre saber da lingua galega (Buenos Aires, Editorial Alborada da Federación de Sociedades Gallegas), apéndice que se encabeza coa singular estrofa de Curros e que acolle, entre outros textos, o poema de Celso Emilio de 1962 ("Lingua proletaria do meu pobo") e o de Manuel María de 1968 ("Pliego de descargo"). Pechábase a insólita escolma cun poema inédito de Darío Xohán Cabana, daquela (abril de 1969) alumno meu no Instituto de Lugo. Trátase dun poema satírico moi próximo a outros de Manuel María de datas máis ou menos próximas. Comezaba con este aguillón clasista aquel rapaz de dezasete anos: "A min gústame o castrapo,/florido e maxestuoso,/que falan aló por Lugo/os "señores de buen tono".

No citado Apéndice non recollín un poema de Cabana que posúo, autógrafo, desde o inverno de 1969 e que me foi dedicado polo autor. Non hai, daquela, entre os cultivadores do xénero, versos máis comprometidos e angustiados. Titúlase "Se a Historia sigue andando por camiños torcidos entre a tebra?" e comeza con estes catro versos: "Se os fadairos da Historia/nos venceran un día/a brosazos de prensa e televexo/e mentiras en libros escolares,/morrería o galego."

Escola de Lugo

  • Hoxe non me explico por que na miña Escolma de 1969 non incluín dous poemas de Manuel Rodríguez López do libro Poemas populares galegos (Lugo, Celta, 1968), o seu primeiro libro de poesía. Nun deles, "Castrapo", detecta -e denuncia- con lucidez a praxe lingüística das señoras da vila cos seus nenos: "Pra distinguirse sempre/do probe aldeano,/interpoñen adrede/ise valado/entre a caste dos ricos/e a dos escravos."Quizais ao noso poeta váiselle un pouco a man no último verso, pero está claro que, sexan as señoras da vila esposas de poderosos ou de humildes oficinistas e os falantes de galego fillos dun zapateiro que non pasa fame ou dun taxista que acaba de deixar a aldea, para a "caste" dos de arriba o idioma funciona como signo de clase, como signo negativo.Manuel Rodríguez López, poeta residente en Barcelona daquela, é pioneiro, en 1968, como cultivador da poesía sociolingüística con espírito currosián. O libro de Manuel María, Proba documental, é do mesmo ano. O que acontece é que Manuel María, a partir desta data, publicou trinta e catro poemas sobre esta problemática, o que o converte no poeta máis fecundo, como cultivador deste xénero, na historia da poesía galega. Por iso merece un saúdo afervoado o volume que preparou o profesor Xosé Ramón Freixeiro Mato co subtítulo "Poemas sobre a lingua galega. "Este tipo de poesía, sobre todo a escrita entre 1968 e 1973, está a esixir unha monografía, un estudo no que se vincule aos poetas máis notorios, todos lugueses, cunha especie de Escola de Lugo, territorio onde estas preocupacións, tamén en prosa, tiñan neses anos unha relevancia especial.

Compartir el artículo

stats