Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

LETRAS GALEGAS 2016 - MANUEL MARÍA

Amor e realidade

Manuel María, poesía en coalición

Miguel Anxo Fernán-Vello, Manuel María e Xavier Seoane.

Escribir poesía entraña, queirámolo ou non, un acto de desprotección. O artista, aínda que non renuncie á cordura, cando transforma en verso a súa emoción, deixará filtrar, mesmo involuntariamente, as fisuras do seu ser. Ou aínda, as súas íntimas fracturas. Isto é, os asombros e as feridas que nos forman. A escrita, para Manuel María, constitúe unha situación extrema, aquilo que oscila entre a embriaguez das imaxes e a avidez das músicas que se propagan no ar. Escribir é reencontrarse, mais tamén perderse polo labirinto do eu e mais da vida, polo confuso dédalo das palabras e a sintaxe, polos meandros da alma en convulsión.

Sen dúbida o candor é o elemento central da poética de Manuel María. O creador desexa habitar un espazo primixenio exento de maldades (da moral, da económica, da tecnolóxica). O home humillado por unha sociedade de consumo que o subxuga e mutila soña con retornar á natureza primordial e procura en van (como a cultura occidental desde a Ilustración) recuperar ese home perdido. A poesía, para el, encarna este propósito.

O segundo fío condutor de toda a obra manuelmariana é a paixón. Nada escapa ao seu frenético poder: o momento enardecido, a fuga de si mesmo, o fastío de vivir. Podemos comprobalo nas páxinas de Morrendo a cada intre, o seu libro auroral. O protagonista dos poemas, en delirio furioso, proclama o seu desprezo a un sistema social que o degrada e que, simultaneamente, o quere desposuír da súa identidade inocente: "Agora teño vinte anos cumpridos e esquecín os números;/son un tolo e absurdo estudante de Filosofía/que adeprendo nomes mortos". O berro de protesto do chairego ecoa fondamente no seu proprio corazón: "Se escribo estes poemas/é pra poder librarme/deste odio fatal que levo dentro/como unha maldición de Deus omnipotente". Temos aquí a expresión dunha experiencia que se nos revela misteriosa e humana a un tempo: o acto e a palabra, e o seu nexo de unión, a paixón desmedida.

No noso autor cohabitan, desde entón, o inconformismo, a decepción nihilista e as audacias expresivas. Dito noutras palabras, a colisión do amor coa realidade. Da descuberta da súa aridez emana, en Advento, unha dor quintaesenciada: "Ábreme o cáncer podre do teu peito e dime como deixas nos bares/a túa vida pequena, sen paixóns transcendentes". A partir deste momento, a empresa do poeta será achar unha luz que o complete e o redima: o outro. Con alento bíblico atopamos un ti que atenúa as intemperies do cosmos: "Ven a min cos teus soños/porque eu tamén me sinto naufragar no pulso das noites que nos tragan".

Por iso en Terra Chá descubrimos un desconsolo xeográfico: "Os cans, entre as casas, a folgar,/ladrando por ladrar". Para chegar, en Documentos persoais, ao sarcasmo grotesco: "Prohíbese, por orde da Alcaldía,/que medren porque si/as rosas no xardín municipal./.../Prohíbese tamén derramar bágoas./Pódese chorar só cando hai sequía/pra que non fiquen baldeiros os pantanos./.../Están fóra da Lei/as estrelas, a Primavera,/as froles e os paxaros". A partir de aquí nacerá o seu inquebrantábel compromiso político, a ansia de participación e de transformación social. Isto é, a coalición do amor coa realidade.

Con acertos e con desacertos, con solidariedades e con perplexidades, o poeta lírico establece o seu diálogo co mundo. E propón, apaixonadamente, subvertelo coa pálida arma dos seus versos. Algo que o emancipe da morte e da inxustiza. Da soidade do ser humano no universo, á comuñón cos astros que o compoñen e dos seres que o habitan. Apagar o escenario violento da cidade, restituír a alegría. A poesía, entón, non deixaría de ser un dos máis desprotexidos sitios da existencia dun home, mais tamén un dos seus irrenunciábeis paraísos.

Compartir el artículo

stats