Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Drogas e cultura

Viaxe cara aos falsos paraísos

Edgar Degas: Bebedores de absenta (1876).

Somos expertos en beleza. Esta é unha conclusión á vista do número de museos nos que gardamos infinidade de obxectos. É unha crenza compartida que a beleza expresa un sentir profundo e que o seu encontro está xunto á paixón e o sufrimento. Isto último ten matices xa que, dependendo de quen padeza a definición, transita dende unha emocionalidade inestábel, nunha perspectiva individual que se fai verbo nos "sen ti non son nada", á confrontación co baleiro existencial nun marco máis humanizado e universal do sufrimento que reclama Nietzsche: "o que máis sofre, máis profundamente ansía a beleza".

O sufrimento ten unha relación difícil coa nosa cultura, pode que por iso o concepto de beleza tamén está permanentemente cuestionado. En Occidente, o cristianismo construíuse sobre a tradición de que outro sofre por nós, e reproduce una conduta evasiva ante as emocións profundas. En Oriente, de novo aparece unha forma de rexeitamento polo que o sufrimento se racionaliza a través do karma. Na nosa actual situación cultural, a negación a afondar no coñecemento persoal é parte dun artefacto político para diminuír a consciencia, todo vale para reclamar só éxtase. Pero hai formas alternativas para desfacerse da melancolía, non menos poderosas, como as drogas, legais e ilegais, os fármacos, o sexo, as compras, a compañía. Son un escape, e é de supoñer que este movemento de evitar a profundidade emocional, necesaria neste proceso de construír e percibir beleza, tamén ten consecuencias na nosa percepción dela. Crémonos expertos en beleza ao tempo que estamos destruíndo a natureza. Estimamos percibir a beleza nunha obra de arte pero somos cegos ante o noso comportamento. É de supoñer que a beleza tamén habita nas nosas formas da vida.

Algún discípulo de Aristóteles xa falaba do baleiro existencial que precede a actividade creativa é á experiencia da confrontación coa existencia; é un problema espiritual universal cotián que pode evitarse pero é irreductibel nos procesos creativos. As drogas abordan este dobre problema: a evasión da tristura e a apertura da creatividade. Son unha alternativa á profundización, un atallo na consciencia que conduce irremediabelmente á frustración e a sentimentos de abandono e soidade. Un simulacro: as drogas son mentireiras

A relación da arte coas drogas é moi longa, pero está especialmente presente a partir do século XIX, na mirada perdida dos bebedores de absenta de Degas, nos happenings de música de Jhon Cage e de danza de Merce Cunnigham nos que mesturaban plástica e poemas, na xeración beat pero tamén nos 90. Na década dos 50, o goberno americano fixo unha experiencia cun artista, de quen non se revelou a súa identidade, a través da realización de nove obras consumindo LSD. Os resultados foron dunha evidente apertura inicial, seguida dunha posterior incapacidade de materialización da acción e dunha perturbación final da conduta.

Hoxe coñecemos mellor os mecanismos que as drogas liberan para deshinibir e trasladarnos a estados que melloran a creatividade, pero é un estado efémero que rapidamente queda obstaculizado pola falta de capacidade para a materialización. Fronte a aqueles que pensan que unha parte da arte vive dalgunha forma da morte do artista, a xente que rodeaba a Basquiat manifestou que as drogas o transformaron en menos creativo, moi illado e pasivo. Warhol dicía que os que consumían speed creaban cousas que só lles parecían fermosas a eles e que o mesmo sucedía cos que se drogaban con anfetaminas como Freddy Herko e Edie Sedgwick. Damian Hirst é un exemplo nos 90 e escribiu sobre os seus consumos de drogas e alcohol que define como unha via de escape ao tempo que manifesta que a arte está vinculada á vida e as drogas á morte.

Non hai ningún caso que nos permita valorar a utilización das drogas como estratexia que poida manterse ao longo do tempo como un espazo estábel onde avanzar con continuidade nos procesos creativos. A única obra mestra das drogas é a construción da mentira. Non axudan a profundizar, son un interruptor cun mesmo percorrido e non convén insistir moito nel porque os interruptores tenden a romperse co tempo.

Construíndo efectos

  • Podemos atravesar a nosa cultura a través das drogas, algunhas sempre presentes como o alcohol e outras máis temporais como o opio dos anos 20, os alucinóxenos nos 50 e sesenta, a heroína nos 70, a cocaína nos 80 e a partir de aquí o variado mundo das drogas sintéticas. As promesas de expansión da mente converteron a grandes artistas da música en vítimas: Jimmy Hendrix, Jim Morrison, John Bonham, Michael Hutchence, Roger Keith Barrett, Kurt Cobain, Amy Winehouse, entre moitos outros. Pode que as drogas achegaran algunha calidade psicodélica ou enerxética; as drogas son especialmente efectistas nunha mente xa creativa, pero as calidades da creatividade non son características dos estados alterados ou perturbadores inducidos. A literatura está sementada de interese nos efectos das drogas :Abu Nuwás co Cantar ao viño do século oito; a poesía medieval na contorna do viño; Charles Baudelaire e os paraísos artificiais; Guillaume Apollinaire con Alcohois; Henry Miller con Trópico de Cáncer, e moitos outros. Pero todos escribiron estas obras en estado de sobriedade.Algunhas drogas inhiben a actividade do lóbulo prefrontal e isto favorece o pensamento espontáneo, xera pensamentos peculiares porque bloquea a actividade relacionada co xuízo, o pensamento social e a resolución de problemas: de feito, o lóbulo frontal aínda non está maduro nos adolescentes sendo o responsábel da maioría das condutas pouco razoábeis que exhiben os máis novos.

Compartir el artículo

stats