Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Escultura e debuxo

Isidoro Brocos na Colección Abanca

Varios momentos da mostra no edificio do Café Moderno (Pontevedra). // FOTOs: GUSTAVO SANTOS

As salas de Afundación no edificio do Café Moderno en Pontevedra permiten contemplar unha mostra de debuxos e esculturas pertencentes aos fondos de Abanca que amosan o labor de Isidoro Brocos (Santiago de Compostela, 1841-1914) o principal membro dunha auténtica saga de artistas galegos do século XX, os Brocos, unha auténtica saga na que tamén destacou o seu irmán Modesto, pintor moi notábel que fixo parte da súa traxectoria artística e vital no Brasil. Ambos contaron co exemplo o estímulo da súa familia, xa que o seu pai Eugenio tamén fora pintor aínda que sen chegar a acadar o nivel e o recoñecemento que terían os seus fillos. Alén diso, os propios fillos de Isidoro: Eugenio, Donnino, Florentina e Victoria herdaron, en maior ou menor medida, o interese polas artes plásticas común a toda a súa familia.

Centrándonos en Isidoro Brocos, obxecto da exposición que nos ocupa, a mostra está conformada por un centenar de obras do autor, organizadas nun percorrido dividido en seccións temáticas: debuxos de academia; historicismo; mitoloxía; temática relixiosa e motivos costumistas de corte rexionalista. Estamos perante un artista que orientou a súa actividade cara a escultura, o debuxo e mais o gravado, campo este último en que traballou para publicacións de tanto prestixio como a famosa La Ilustración Gallega y Asturiana, publicación senlleira do período do Rexurdimento galego que dirixiu na parte literaria Manuel Murguía e que foi propiedade de Alejandro Chao.

Brocos, compostelán e home de sólida formación adquirida na Real Academia de Belas Artes de San Fernando de Madrid, ampliou os seus coñecementos plásticos en París e Roma, estadía da que temos exemplos de debuxos na mostra, sempre inseridos dentro dunha rigorosa formación académica de corte clasicista. Ben dotado para o debuxo, preferiu centrar a súa actividade creativa na escultura e non na pintura, montado un obradoiro en Santiago de Compostela, con grande suceso e clientela. Na escultura desenvolveu unha obra que vai da temática histórica á relixiosa -ben representada nos fondos de Abanca- moi na liña do gusto dos ámbitos académicos do seu tempo e seguindo os criterios dominantes nas exposicións nacionais nas que participou, tendendo cara a linguaxes máis realistas. Salientan tamén as obras de temas costumistas como Aquí, aquí -A pulga (1880), unha das máis destacadas da exposción pontevedresa. Este tipo de esculturas, de forte anecdotismo, reflicten tipos e escenas populares: músicos ambulantes, xentes de aldea, esmoleiros, meniños... Estamos perante traballos moi do gusto da burguesía do seu tempo, sen ningunha vontade crítica, parellos a certa poesía costumista da época, mais que non deixan de ser espello desa nova actitude que se percibe desde os tempos iniciais do movemento romántico, de gusto polo popular. Cómpre lembrarmos que é estrito contemporáneo do noso Rexurdimento -mesmo foi membro da Academia Galega- mais tamén é certo que a súa obra fica ben lonxe da fondura social e do sentido crítico que deita o labor poético de Rosalía de Castro ou de Manuel Curros Enríquez e moito máis lonxe aínda do alento épico dun Eduardo Pondal.

Como se pode enxergar nos exemplos da mostra, o seu tratamento do material relixioso tamén é moderadamente renovador, rompendo coa tradicional imaxinería de gastadas fórmulas barrocas que viña do século XVIII, tendendo a representacións máis sinxelas e expresivas -inspiradas das "cabezas de expresión" do academicismo francés do XIX, mais sen abandonar nunca o que se consideraba arte correcta nun ámbito provinciano como era o de moita plástica galega desa altura.

Título: Isidoro Brocos. Escultura e debuxo na Colección Abanca. Produción: Abanca. Local: Sede Afundación, Pontevedra. Café Moderno, Pontevedra. Até o 9 de abril.

Mestre de Picasso

  • Os debuxos da colección Abanca son sobre todo traballos académicos, captados a partir de modelos escultóricos ou do natural, aos que hai que acrecentar algúns bosquexos de escenas históricas, relixiosas ou costumistas e pequenos retratos, nos que se pode observar maior vivacidade e creatividade. Os traballos académicos son, en xeral, máis fríos e ríxidos, con algunha excepción, evidencian o seu interese polo clasicismo, reproducindo motivos romanos e renacentistas como Antínoo ou o Apolo do Belvedere.Finalmente, debemos salientar, e non como curiosidade, que Isidoro Brocos exerceu n'A Coruña como profesor de modelado na Escola de Artes e Oficios e alí foi mestre dun meniño que logo se convertiría nun dos grandes creadores da pintura do século XX: Pablo Picasso. De feito, na obra infantil do xenio malagueño realizada n'A Coruña ao redor de 1893-94 podemos seguir as pegadas dos modelos do seu mestre Isidoro Brocos.Isidoro Brocos. Escultura e debuxo na Colección Abanca achéganos, pois, a un interesante capítulo da nosa historia artística enmarcado nunha época decisiva da nosa historia cultural.

Compartir el artículo

stats