Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Je, je... luna

María Luísa Fernández no MARCO

A mostra je, je... luna desenvolve un percorrido polo traballo de María Luisa Fernández (Villarejo de Órbigo, León, 1955) relacionando distintos grupos de esculturas, debuxos e instalacións que, até a data, non se amosaran de xeito retrospectivo. As obras, producidas entre 1979 e 1997, fan parte de distintos ensaios e achegamentos á figura dun Artista ideal que esta presente na produción da escultora até a súa última mostra individual en 1997.

A exposición, comisariada por Beatriz Herráez, iníciase con pezas, obxectos e documentos que pertencen ao período de CVA (Comité de Vixilancia Artística, 1979-1985), un colectivo concibido como "empresa artística" posto en marcha pola artista xunto a Juan Luis Moraza entre os anos 1979 e 1985. Esta escolma de obras e documentos xorde da reflexión crítica levada a cabo polo grupo arredor dos mecanismos de presentación e recepción das obras, a institución ou o sistema da arte contemporánea. Logo da súa participación en exposicións como Mitos y delitos (Metrònom, Barcelona e Aula de Cultura, CAM, Bilbao, 1985) as súas siglas asócianse ao que se coñece como "Nova escultura vasca", un grupo de artistas que se converteu en referente das prácticas e os debates artísticos que marcaron a década dos anos oitenta no contexto do País Vasco.

María Luisa Fernández -na actualidade profesora na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo- comezou a súa formación en contacto coas fontes profundas da linguaxe escultórica vasca, bebendo dunha escultura que apostara decididamente pola modernidade, que reivindicara a tradición e que actualizara as linguaxes plásticas en contacto cos procesos vangardistas. Falamos de artistas con sólidos alicerces de identidade, alicerces que neles non funcionaron como freo -senón todo o contrario- para a súa universalidade. Tratábase de creadores que nas súas linguaxes optaran por procedementos e materiais diversos: o modelado, a talla directa ou a ensamblaxe; este é o marco onde se forma a nova escultora.

Mais axiña María Luisa Fernández consegue unha linguaxe propia que salienta polo equilibrio entre materia e concepto, moi ben representado na depurado tratamento do material e o emprego de formas rotundas que xogan en equilibrio coa solidez volumétrica e co espazo, un equilibrio, en definitiva non exento de tensións.

A escultura de María Luisa Fernández chama a atención, a primeira vista, pola materialidade depurada, mais sempre estas formas están rexidas na súa concreción por unha vontade e unha análise conceptual, un fenómeno que se vai perfilando de xeito cada vez máis evidente a medida que un enxerga o conxunto de obras das dúas décadas presentes na mostra.

O argumento plástico que percibimos, enormemente suxestivo, amosa que o que singulariza o feito escultórico na nosa contemporaneidade é precisamente a dialéctica fidelidade-alteración dos presupostos conquistados pola tradición histórica da modernidade. O resultado evolutivo da obra da nosa escultora permite establecer unha tensión, da que xorden determinadas peculiaridades, como pode ser o emprego de material reciclado mais non utilizado como pura apropiación senón como materia construtiva ou o tendencia cara a unha captación intensa dos aspectos físicos do obxecto artístico. Unha linguaxe feita de propiedades e calidades visuais e táctiles e que concibe a escultura como unha estrutura que desenvolve forzas de apoio fornecidas polo seu peso, concepto que vai depurando obra a obra, evitando calquera tentación de elaborar un sistema ríxido, apostando pola elasticidade mesmo cando se trate dun bloque. Ao tempo, son pezas que se configuran como presenzas intensas, que absorben e dan luz e enerxía -velaí o seu cromatismo- e mudan a nosa realidade espacial, como lembrándonos que calquera captación temporal non pode ser definida sen termos en conta a incontestábel presenza tridimensional.

Título: je, je... luna. Obras 1979-1997

Artista: María Luisa Fernández

Comisaria: Beatriz Herráez

Proxecto: Azkuna Zentroa, Bilbao

Local: MARCO, Vigo

Até o 29 de maio

Contrarrelatos

  • A obra da nosa artista cómpre, alén diso, enmarcala nun contexto en que o escultórico amosa, certamente, as tensións da sociedade, as súas pulsións, onde se poden percibir análises que van desde o papel do artista e a función da creación até a crítica dos roles de xénero. Unha experiencia que cuestiona os relatos oficiais da historia da arte -eis os seus Artistas ideais- creando modelos con inequívoca vontade alternativa mais sempre elaborados desde un intenso rigor formal e conceptual. As súas son linguaxes artísticas desemellantes, con influxos conceptuais e minimalistas, unidos a formulacións de raíz construtivista e da tradición artística vasca mais cunhas formulacións e concrecións intensamente persoais que teñen unha vontade de construír auténticos contrarrelatos, apoiados na solidez e a rotundidade dunha linguaxe escultórica que a montaxe e o labor curatorial conseguen transmitir brillantemente.

Compartir el artículo

stats