Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xeografía da desgraza

Do risco como posicionamento literario

Xeografía da desgraza

Fin de festa é o último libro publicado por Diana Varela Puñal. Se ben, a autora xa leva tempo nisto das letras, faremos un breve percorrido pola obra desta escritora perseverante, ansiosa, lectora tenaz dende os seus inicios de nena na biblioteca familiar onde había atopar todos os clásicos da nosa literatura, admiradora de Scott Fitzgerald e Claudio Rodríguez pola escrita, de Rosa Parks pola afouteza. Esta avogada e produtora teatral, muller en permanente estado de ilusión, demanda para si e para os seus contemporáneos a valentía de seren creadores en estado de risco nunha aposta pola descuberta doutras formas de expresión que amosen novas arestas da arte e non transiten por vellos camiños xa explorados.

Escritora multipremiada ("Díaz Xácome" de Mondoñedo, "Uxío Novoneyra" das Pontes), cultiva a lírica de adultos e para nenos así como tamén a escrita e mais a produción teatrais. Hoxe temos a oportunidade de ler a súa primeira incursión narrativa, unha creación na que atopamos madurez e bo saber facer.

Para nos referir ao texto poderiamos tanto falar de novela como dun conxunto de retratos ao estilo de Xente de aquí e acolá de Álvaro Cunqueiro onde a autora vai trazando un mapa visual e melancólico de Xuvino, trasunto de Corme, a súa localidade natal, atravesado pola desgraza disfrazada dos seus habitantes-tipos. Asemade Varela Puñal a través de Susi Arnela vai debuxando tamén o retrato dunha xeración perdida en toda a Costa da Morte.

Xuvino aparece escurecido polo saudoso alcoholismo de Conlazo Ushanka, o Orestes orfo tras o roubo da súa colección de cromos que tanto esforo lle custará conseguir, o Nolovegho que nos amosa a marxinalidade nada do exceso, a luxuria de Elpidio Zulueta, o alcoholismo do escritor Indalecio Tadeo, o feísmo do carniceiro Modesto Abellón cunha cara que mete medo... fronte a eles Susi Arnela.

Atopamos neste volume a Secundino Tusitala, en quen podemos recoñecer "O contramaestre", esa figura do avó e padriño que xa aló por setembro de 2014 a escritora nos amosara a través dunha colaboración en prensa. De tal xeito que nos permite adiviñar nese narrador en primeira persoa á propia Diana Varela nunha historia na que tamén aparecen outros membros da súa familia.

Amósanos unha marxinalidade social que ten o seu espello nos lugares permitidos, esa xeografía que se vai conquistando a medida que se medra mais que nunca invade o recinto do faro ou a parte traseira do peirao. E vemos como a Susi Arnela que poboa todos os camiños co seu cimbrar de sensualidade vai perdendo o seu fulgor segundo avanza polos vieiros prohibidos. A prepotencia fíxoa pasar das clases de baile e franquear por derradeira vez a liña abisal. Nada resta da aura de irrealidade que fixo dela un mito, convertida xa nunha princesa de Sabina, nunha bolboreta fendida.

Os diversos retratos chegan a nós a través dun cruzamento de entregas que van tratando alternativamente, Susi Arnela ocupa catorce capítulos-retrato no seu particular descenso aos infernos, mentres que o resto dos textos, trece capítulos e un epílogo, dan conta do universo de pequenas traxedias que agocha a pequena localidade.

Hai un ano Diana Varela en declaracións para o Centro de Documentación da AELG proclamaba o seu interese actual polo risco como posicionamento literario. Aplaudimos a orientación dese seu risco do que tan bo froito agromou.

E aínda a autora garda para nós unha sorpresa final, cando xa pensabamos que o sabiamos todo, mesmo o que aínda estaba por vir, descubrimos que son moitas as liñas na vida que se poden cruzar.

VARELA PUÑAL, D., Fin de festa, Ed. Laiovento, Santiago, 2015, PVP. 8 ?

Compartir el artículo

stats