Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Do mal e da trivialidade

Lembrando a Eduardo Pavlovsky

Pavlovsky con dous actores do seu derradeiro espectáculo.

A finais dos anos setenta do século pasado, seguramente en 1978, presentouse na Sociedade Recreativa e Cultural de Sada, A Coruña, un espectáculo titulado El Señor Galíndez, que traía en xira por Galicia un grupo de teatro feito en Madrid por mozos e mozas de procedencia diversa, de nome La Picota, e do que formaban parte Xulio Lago ou Dorotea Bárcena, que con outras xentes de Vigo crearan nesta cidade a compañía Esperpento, mozotes que actuaban no Mesón de Pepe no Calvario, por onde andaban tamén María Xosé Porteiro ou José Antonio Perozo. Aquel espectáculo provocou en Galicia controversias enormes, pois nunha das escenas unha prostituta é atada a una cama colocada en posición vertical, para logo ser espida por completo e con brutalidade certa por uns mozos que manifestaban a peor das intencións. Practicar no seu corpo, no que debuxaran as zonas máis sensibles, os principios básicos da tortura física, cunha ferramenta daquela moi popular en tantas ditaduras: a picana eléctrica.

Aquel texto, publicado en España na revista Primer Acto, fora escrito, e estreado en Bos Aires en 1973, por Eduardo Pavlovsky, un médico de formación, especializado en psicanálise e psicodrama, que tamén gustaba da arte da interpretación, e que, co andar da vida e dos moitos anos, se convertería nun dos dramaturgos máis notables das letras arxentinas en nun dos actores e directores de escena máis notables do país. Aquela primeira versión do texto provocaría atentados coma o acontecido no Teatro Payró de Bos Aires en 1974, e pouco despois, en 1977, chegaría a estrea de Telarañas, que a Xunta Militar arxentina prohibiría ao considerar que estaba "encamiñada a derrubar os fundamentos da institución familiar", considerada un dos piares fundamentais daquela sociedade secuestrada. Pouco despois, en 1978, o autor, que recibira varias veces na casa e no consultorio a visita de axentes do réxime, escapa polo tellado da casa e tras pasar por Uruguai e Brasil recala en Madrid, cidade na que residirá durante o seu exilio.

Carolina Muñoz ten definido unha parte de su obra como un "teatro do estupor", en tanto se orienta a explorar aqueles ámbitos da experiencia humana que agroman con máis forza do inconsciente colectivo e que con frecuencia se sitúan na periferia de todos os discursos: o castigo, o esquecemento, a culpa, a submisión, a dominación, as caretas. Certamente, podemos afirmar que a sensación de estupor é a que invade o lector ou ao espectador de textos como El señor Galíndez, en tanto mostra que o mal pode aparecer como a cousa máis inane e trivial nas nosas vidas, e nas persoas máis normais, no pai que atende con mimo aos fillos. Foi David William Foster, profesor en Arizona State University, un dos primeiros en sinalar a relación deste texto con aquel que Hannah Arendt titulou Eichmann in Jerusalem (1964).

En efecto causa estupor a profesionalidade coa que os torturadores executan as ordes dun Señor Galíndez sempre invisible e que tanto representa o aparato represor do Estado totalitario como ese estado de graza no que todo é posible por mor da obediencia cega e debida. Estupor tamén ante aquelas reaccións iradas dun sector do público de 1978 ante os corpos nus das mulleres, non ante o que os torturadores facían nos corpos nus das mulleres. Indignación e rabia das xentes de ben ante a nudez feminina, non ante a tortura implacable en tantos corpos indefensos. Unha nova maneira de entender o teatro político, a partir dos actos máis cotiás, como en Harold Pinter. Paradoxos.

Pola súa vez Telarañas segue a ser un texto fundamental para comprender e analizar as complexas relacións de poder que se xeran nos grupos familiares cando a comunicación entre os seus integrantes se torna patolóxica. Pero sobre todo para tomar conciencia de que toda obra dramática, todo espectáculo teatral, non deixa de ser un acto de comunicación, e como tal acto debe ser analizado e presentado. Para ver o que os seres humanos facemos coas palabras e para tomar conciencia de que a palabra é a arma máis poderosa nas cerimonias, xogos e rituais da dominación e da submisión. Co seu profundo coñecemento da condición humana Pavlovsky deixounos textos inesquecibles, clásicos do século XX. En outubro deixounos. Ata pronto mestre.

Psicodrama salvaxe

  • O doutor Eduardo Pavlovsky non só era médico especialista en psicoterapia, senón que en 1962 inicia a súa formación en Psicodrama con Jacob L. Moreno en Nova York, campo no que traballará de forma circunstancial ou permanente con outros especialistas notables como Jaime Rojas Bermúdez, Hernán Kesselman ou Carlos Martínez Bouquet. Será quen acuñe o termo "psicodrama salvaxe" para facer referencia ás prácticas de persoas que atraídas polo "espectáculo" do psicodrama e doutras terapias activas e creativas, recuperaban as malas artes propias de curandeiros. Persoas que nesta era de acuario venden pedras, pirámides e líquidos diversos con supostos poderes máxicos e místicos, ante a confiada credulidade de xentes inocentes ou desesperadas.Tal vez unha das achegas máis notables do doutor Pavlovsky sexa esa defensa da profesionalidade nas ciencias da conduta e nas ciencias da saúde, pois como bo coñecedor da humana natureza sabía dos perigos que unha mente cándida pode correr nas mans de lingoreteiros sen outro interese nin outra conciencia que o seu lucro persoal. A súa obra científica, escrita moitas veces en colaboración, destaca por ofrecer esa mirada tan necesaria: a mirada de quen sabe que a terapia sempre busca o benestar e a plena autonomía do outro, non a súa conversión en seareiro cativo do guru.

Compartir el artículo

stats