Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Na presenza do mal

As pulsións da morte

Na presenza do mal

An Alfaya, unha narradora que xa conta cunha obra literaria extensa, móvese con igual destreza na narrativa dirixida a un lectorado infanto-xuvenil, como naqueloutra máis propia de persoas adultas. A súa última posposta literaria, Muros de aire e é seguramente a súa peza narrativa de maior entidade, se ben un certo ar de familia emparéntaa con pezas publicadas hai xa anos: Areaquente ou ben Vía secundaria, novela folletinesca, mais ateigada de dores, obsesións e intemperies vitais. Todos agochamos dentro de nós obsesións persoais e autora de Muros de aire no se exclúe desa servidume. Ela mesma recoñece ser suxeito de teimas e dores, e nesta novela propúxose dar conta das mesmas, se cada disfrazadas, pero presentes sen dúbida como semente do que escribe. Unha delas é o eterno enfrontamento entre o ben e o mal, que está na orixe de incontables conflitos humanos, desde aquela seita gnóstico cristiá fundada polo babilonio Mani e que inquietou asemade a Agostiño de Hipona, ata tantas retesías e traxedias dos nosos dúas. Todo iso, esa loita entre o ben e o mal, trasládao An Alfaya a non poucas secuencias desta novela que se de algo se afasta e da dozura e da amabilidade.

Nun tempo en un espazo indeterminados sitúa a autora a cerna da súa proposta. Unha historia de ruindades, arrepíos, xogos perversos, amores, superacións e non poucos muros de aire erguidos entre varios dos personaxes que interveñen na trama, entoada por un dramático tema de fondo: as dores coas que a vida abafa por veces a moitos seres humanos que, vítimas de estrañas vicisitudes ou de malos tratos, atopan no suicidio, a fuxida, a única vía de escape da noxenta realidade. En Cora, a protagonista principal, que xunto coa súa parella reciben o encargo de elaborar un estudo daquelas persoas que intentaron ou consumaron o suicidio, parello por veces con actos criminais, atopa a autora a esculcadora deses porqués da morte ou da premorte. Mais non é esta unha novela verbo do suicidio, malia que a súa estrutura este cimentada en once cartafoles suicidas e a voz narrativa non aforra afondar neses intres previos e nos agochados impulsos que agroman na premorte e levan aos suicidas a esa fenda definitiva. Muros e aire é sobre todo o retrato do mundo interior dun amplo número de personaxes feridos pola dor, por episodios familiares ateigados de mesquindade, de sucesos arrepiantes que desembocan nun desenlace que en nada debe envexar ás traxedias gregas. Xa que logo, na novela o lector atopará o baleirado de argucias de víbora, de maldades, de soidades en compañía, de lembranzas enterradas no subconsciente que reviven no presente porque o pasado sempre pasa factura. E á vez que se relata esta presenza do mal e as experiencias dos aspirantes a suicidas, tamén dá conta a novela da historia presente e do pasado dos principais protagonistas: Cora, Amalia a súa nai e a castradora avoa Remedios.

Muros de aire é unha novela de personaxes; algúns presentes en todo o relato, outros, nomeadamente algúns suicidas, cobran vida nos seus desafogos / desafíos, nas entrevistas que lles fai Cora para desapareceren a continuación. Unha arquitectura equilibrada, ricaz, complexa quizais, mais non ilexible, cun emprego oportuno de frecuente analepses, saltos cara ao pasado para descifrar o presente. E un ritmo pausado que, porén avivece nos derradeiros cartafoles suicidas cando a trama acada máis intensidade dramática e se transforma nun verdadeiro relato criminal.

ALFAYA, Muros de aire, Edicións Xerais, Vigo, 2015, PVP. 17,50 ?

Compartir el artículo

stats