Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un manancial de arte

Pinturas, mobiliario , esculturas ou arte sacra integran parte de importante acervo do Museo de Lamego

Din dela que é manancial de arte no corazón de Portugal. Á súa beleza monumental suma a paisaxe onde se atopan as vides que producen un dos mellores viños do mundo, o porto. No Douro Viñateiro, Lamego garda xoias como a Sé Catedral, o santuario dos Remedios ou o seu famoso museo rexional, instalado no antigo paço episcopal, nun impoñente edificio situado no Longo de Camões, na "baixa" da cidade, onde se encontran outras construcións de significado histórico como a catedral e diversas casas pacegas dos séculos XVII e XVIII. Entre os moitos e variados fondos deste espazo museístico, atópanse pinturas de Grão Vasco, tapices flamencos, arte sacra, mobiliario rexional ou achados arqueolóxicos, ademais de escultura, ourivaría ou debuxos e gravados.

O fermoso edificio que foi sede episcopal alberga agora un dos máis coidados museos do interior de Portugal, cuxa visita supón un dobre pracer, tanto polo amplo acervo que expón como polo paseo polo propio pazo, a manter toda a súa grandeza arquitectónica. Das numerosas coleccións expostas merecen atención particular as pinturas de Vasco Fernandes, coñecido como Grão Vasco, e mais a mostra de tapicerías flamencas. A principios do século XVI, o bispo de Lamego, Dom João Madureira encargou ao mestre Vasco un gran retablo destinado a ornamentar a capela maior da Catedral. Dos vinte paneis pintados chegaron ata hoxe as cinco táboas expostas no museo: Creación dos Animais, Anunciación do Anxo a María, A Visitación da Virxe María a súa curmá Isabel e Presentación do Neno no Templo e Circuncisión, consideradas entre as mellores pinturas portuguesas "quinhentistas".

Nobreza e príncipes da Igrexa usaban os tecidos de tapicería para decorar o interior dos seus pazos e facelos tamén máis confortables. As tapicerías de Lamego son da mesma época que os cadros de Grão Vasco, fabricadas en Francia e Bruxelas. O museo, inaugurado oficialmente en 1917, foi incrementando o seu acervo co paso dos anos. A colección de porcelana posúe preto de catrocentas pezas resultantes de adquisicións, doazóns e legados, distribuídas polas seccións de azulexería, porcelana hispano-árabe, europea e porcelana oriental. Ademais, na planta baixa e nunha serie de salas dedicadas á arqueoloxía, están expostas arcas de tumbas medievais, un fermoso cruceiro tamén medieval e varias pedras de armas de familias portuguesas, entre outras obras. Os fondos orixinais de mobiliario, tapices, escultura e pintura, que xa se atopaban no pazo episcopal, fóronse complementando con ourivaría, paramentos e capelas, aos que se engadiron as pezas que a Cámara Municipal e particulares foron cedendo á institución.

Entre os moitos puntos de interese deste museo rexional atópanse, igualmente, as catro capelas que pertencían ao Convento das Chagas, integramente restauradas dentro do recinto, a exhibiren o barroco portugués no seu apoxeo. Paredes en talla de ouro finamente labrada, gardando esculturas de santos en pequenos nichos e pinturas no teito enmarcadas en adornos traballados en ouro forman un belo conxunto que merece a pena observar ao detalle. A colección de mobiliario está constituída por máis de duascentas pezas que permiten coñecer a evolución do moble portugués desde o século XVII e as súas características específicas. Traballos de ourivaría relixiosa e civil son outros elementos dignos de atención neste espazo que alberga 18 pezas clasificadas como Tesouro Nacional. De valor excepcional está considerado o antigo retablo da Sé Catedral, da autoria de Vasco Fernandes, as tapicerías flamencas ("Serie de Edipo", "O Xuízo do Paraíso" e "O Templo de Latona"), os paneis de azulexos do século XVII e a arca tumular do século XIV, onde supostamente foron depositados os restos mortais de Dona Teresa Anes de Toledo, terceira muller do poderoso Conde Pedro Afonso.

Onde latexa o Douro

  • Situada en pleno centro da rexión do Douro Viñateiro, foi precisamente o froito da vide o que propiciou o desenvolvemento de Lamego, localidade de máis de 30.000 habitantes que soubo conservar intacto un valioso patrimonio cultural. Desde os templos medievais ás impoñentes quintas vinícolas, pasando polos tesouros do gótico, do barroco ou do manuelino, con razón os veciños lusos din dela que é "manancial artístico" e "trono de fantasía" nun remanso de fermosura asucado polo Douro.No punto máis alto da cidade, onde no século XII cumpría o seu papel de vixiante e defensor, sitúase o castelo de Lamego, ao que se chega subindo pola Rua da Olaria. Xa abaixo, o percorrido por esta urbe onde latexa o Douro pode continuar pola Sé Catedral: clasificada como Monumento Nacional. Románica na súa orixe, hoxe é unha variada mestura de estilos arquitectónicos que, con todo, transmiten ao conxunto unha sensación de beleza e de monumentalidade. Igrexas, templos, soares brasoados e o vello castelo que defendía a antiga vila balizan un periplo que culmina no santuario de Nossa Senhora dos Remédios, situado no cume do monte Santo Estevão e emblema do concello. Importante punto de peregrinación, é un dos máis fermosos santuarios barrocos do país, situado ao finalizar a escalinata de 686 banzos que parte desde o mesmo centro da cidade.

Compartir el artículo

stats