Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Poesía excéntrica

Onde non enfermen as pantasmas

Poesía excéntrica

A poesía de Elías Portela (Cangas do Morrazo, 1981) é necesariamente excéntrica. En primeiro lugar, pola súa excepcional peripecia vital. Afincado en Islandia, no norte neboento, terra das sagas e da literatura escáldica, conseguiu renome no sistema literario islandés dentro do xénero poético baixo o pseudónimo de Elias Knörr coa súa obra, traducida ao galego, O mariñeiro con cabalos matutinos baixo o vestido (2011). O libro que agora comentamos, Bazar de traidores, foi galardoado co XII Premio de Poesía Afundación 2014 convocado polo Pen Clube Galego e publicado na excelente colección "Arte de Trobar." O autor habita un país lonxincuo como lonxincua é a poesía que practica, afastada dos centros neurálxicos das nosas letras. Deste carácter excéntrico emana a súa segunda significación, extravagante, disruptiva, estourante. Unha lírica do fragmentario, de discursos interruptos, de anacos que se xuntan, que se disgregan e que se integran nunha liña discontinua, mais tamén ecoica onde non faltan reflexións acerca do destino humano e da insensatez dos nosos comportamentos: "mais eu non son a inercia/non son unha narcótica nai/teño revoltas e monstros/e relixións desastrosas".

Non escatima esforzos o noso autor en ser consecuente co nome e apelido que leva. Como Elías, notamos no seu verso un misterio profético, un arrebato místico que non deixa de ser filosófico: "os ollos funcionan co corpo/para gardalo da alma". Onde non falta a reflexión da nosa condición fantasmática: "non hai fogar nin espello/onde non enfermen as pantasmas". Como Portela, pequena porta, garganta entre montes, desfiladeiro, ángulo dunha estrada ou dun camiño, podemos definir a súa escrita como chea de meandros, sinuosos vieiros, cancelas poliédricas, onde tropezamos coas metáforas creacionistas que nos lembran outro poeta de mar, Manuel Antonio, tan fervorosamente presente: "durante o naufraxio/todos os meus amores/sangraron en morse"; "dous animais de aurora/acóplanse como tesoiras"; "énchense os anuncios/de bestiarios ultramarinos/e as embarcacións/saturan as retinas".

Xunto a estas dúas liñas principais, o noso poeta irrompe na contemporaneidade dos afectos, no territorio escorregadizo da emoción: "e son eu @ que alterou o ceo/mais non me podías ver/demasiadas tormentas" ou da paixón furiosa: "cinco segundos antes de chegar ao terrorismo existe un orgasmo". Todo o que comentamos enmárcase en citas de David Bowie, en anumeracións case caóticas, en imaxes visionarias que lle outorgan ao volume un ton de delirio compacto, de eufórica loucura. Tamén dun orixinal ton de denuncia alucinada, de berro de resistencia, de furor poético verdadeiro.

PORTELA, Elías, Bazar de traidores, Ed. Pen Club, Santiago de Compostela, 2015, PVP. 15 ?

Compartir el artículo

stats