Xosé Ramón Pena: “Pondal intentou galeguizar o descubrimento de América”

Con “Os Eoas” quería “demostrar as capacidades do galego” como lingua, defende o autor

Nas librarías, a versión definitiva da obra que Pondal non chegou a ver en vida

Anselmo López, Xosé Ramón Pena e Xesús Domínguez.

Anselmo López, Xosé Ramón Pena e Xesús Domínguez. / RICARDO GROBAS

Mar Mato

Mar Mato

A vida de Eduardo Pondal –o pai da parte lírica do Himno galego– está inzada de aspectos novelescos que ben poderían servir para unha serie televisiva. O Club FARO acollía onte a presentación da súa obra “Os Eoas” (Galaxia) na versión definitiva do libro que o escritor do Rexurdimento nunca chegou a ver publicada en vida. Sobre o poemario épico, o encargado da edición o do estudo, Xosé Ramón Pena, sinalou que, nel, “Pondal intentou galeguizar o descubrimiento de América” aferrándose á idea de que Colón era galego.

Lembrou –presentado por Anselmo López, doutor en Historia; e Xesús Domínguez, director de Produción de Galaxia– que na altura na que se escribiu “Os Eoas”, século XIX, había “afán por escribir a obra que creara literariamente a historia do país (...)”. Explicou que Pondal e outros escritores intentaron en Galicia escribir “a epopea nacional” do país “que ademais supuxera un exercicio lingüístico que demostrara a propios e alleos as capacidades do galego. Isto é fundamental, do contrario non se entendería o traballo de Pondal”.

“Os Eoas” acompaña a fazaña de chegar a novas terras por parte de Colón na busca das Indias. “Pondal tiña fascinación por Colón”, do que lembrou que no século XIX “houbo dous intentos de beatificalo inda que era moi difícil beatificar a un personaxe tan complicado”, sinalou Pena.

O exprofesor e escritor que creou o FARO DA CULTURA e que o coordinou durante anos ata o seu retiro sinalou onte que “pode sonar novelesco pero eu estou persuadido de que ‘Os Eoas’ é a historia dunha traxedia (...) porque non dá encontrado o seu heroe”.

Pena lembrou os poemas do bardo Ossián, heterónimo do poeta escocés James Macpherson (1736-1796) que foi considerado como “unha sorte de Homero celta”, segundo sinala no libro. “Tivo un grande éxito en Europa”, apuntou no seu coloquio.

“Isto influíu decisivamente na ideoloxía de Pondal e na idea de que tiña que intentar conseguir algo parecido en Galicia. Era a idea que tiña na cabeza. Vese na correspondencia con Murguía”, engadiu.

O que realmente desexaba era escribir unha epopea con Breogán como protagonista pero faltaba o material para nutrir esa obra”, apuntou Pena quen expuso que Pondal preparou varias versións do poemario ao longo de varias décadas, versións que ía modificando como persoa perfeccionista que era. No libro apúntase a un posible problema de saúde mental polo afán de corrección obsesiva dos texto.

No libro, explica que a versión definitiva apareceu no ano 2000 na sede da Real Academia Galega e que foi publicada por primeira vez no 2005.

Un intento en vida de ser publicada a obra foi no 1886 a través de Galicia Liberal. Porén inda que recepcionaron os versos non os publicaron e ao fin botaron o peche quedando no esquecemento a publicación.

Por que non foi publicado?

Pena tamén indicou posibles hipóteses de por que “Os Eoas” non foi publicado. Como primeira, indicou que non se lle quería publicar a obra que defendía a Colón como galego por “medo a facer o ridículo”.

Hoxe en día, a orixe galega de Colón é unha das que pugna con seriedade por arrebatarlle á Xenova o nacemento e procedencia do navegante, pero no século XIX esa tese sonaba a disparate na boca dos meirandes ilustrados da época.

Como segunda explicación, sitúa o escritor e investigador a “cuestión ideolóxica”. A consecuencia da Guerra en Cuba, no ano 1917 o prestixio de España estaba polo chan mentres o nacionalismo galego estaba a agromar. E dende as bancadas nacionalistas entenden como españolista e ibérica a aposta de Pondal.

A terceira hipótese é que houbera “prexuízos de carácter estético”, é dicir, que non lles gustara a forma, o estilismo, chegando algúns literatos e estudosos a tildar a Pondal de “fantasmón literario” pola súa obra.

A historia dun escritor que foi médico da Armada con versos de violencia erótica

Eduardo Pondal naceu en Ponteceso no 1835 nunha familia de boa posición social. O mozo acabará estudando Medicina en Compostela. En 1856, acudiu ao célebre Banquete de Conxo que coincidía co décimo aniversario dos Mártires de Carral. A reunión en Conxo tivo eco na prensa galega da época por xuntar a estudantes e artesáns en clave liberal.

Tras Medicina, traballou en Ferrol como médico interino da Armada. Despois sacou as oposicións ao corpo médico da Sanidade Militar. Foi destinado a Asturias pero aquela vida non era para el así que deu baixa definitiva no Exército en marzo de 1864. Retornou á casa familiar polo “fracaso profesional e sobre todo polos problemas de saúde mental”, sinala o libro citando a Manuel Ferreiro, “que xa se manifestaban desde cedo”.

Pena resaltou que na obra pondaliana se fala da Galiza de guerreiros e heroes, inda que tamén hai que sinalar a violencia das relacións eróticas –lembremos que fai mesmo referencia a violacións de mulleres– nalgúns poemas. Para Moncho Pena puido “obedecer a determinados xeitos do xénero popular/popularizante con evidente inspiración foclórica (...) sen que poidamos interpretar que se trata dunha simple translación aos versos dunha (suposta) esxperiencia ao respecto por parte do autor dos mesmos”.