O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou onte, con motivo do Día do Libro, o novo "Mapa Literario de Vigo", unha iniciativa da Biblioteca Pública Municipal Neira Vilas para amosar a riqueza cultural da cidade a través dos seus libros e os seus autores. O proxecto consta de dez rutas que percorren todos os barrios marcando os fitos literarios das obras.

Un mapa que percorre Vigo polos catro costados para trazar as rutas literarias nos que a cidade foi o escenario elixido polos autores máis recoñecidos.

"Estamos ante unha magnífica e imaxinativa iniciativa para divulgar o libro e a cultura de Vigo", sinalou o alcalde durante a súa comparecencia ante os medios de comunicación antes de felicitar aos responsables do proxecto e ás editoriais da cidade como Xerais, Galaixa e Elvira. Dispoñible na páxina web mapaliterariodevigo.com.

Lugares coma a Porta do Sol co Sireno son testemuña de moitos acontecementos das nosas vidas e das historias de ficción que recollen estas obras. O barrio de Teis, o Berbés, as rúas e as prazas ata o alto do Casco Vello ou o Calvario aparecen no mapa, que está protagonizado por autores como Julio Verne e Pedro Feijoo, pasando por Alfonso Álvarez Cáccamo, Ledicia Costas, Fran Alonso, María Reimóndez, Manuel Esteban e María Lado, entre outros.