"As novas masculinidades como instrumento transformador na terapia familiar" será o tema central da xornada que organiza a Asociación de Terapia Familiar e Mediación de Galicia, o sábado 24 de marzo, na Facultade de Psicoloxía de Santiago de Compostela, en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00.

As mulleres teñen dado un paso ao fronte na transformación social que estamos a experimentar na actualidade. Co seu traballo persoal, coas súas reflexións, coas súas complicidades e a través dos espazos comúns desenvolvidos. Ante este feito xorden pregunta. Preguntas respecto aos homes: teñen sido capaces de ir traballando persoal e emocionalmente para ir á par? Ou simplemente estanse a adaptar ás novas circunstancias? e cuestións respecto aos/ás profesionais: como van acompañar estes tránsitos dos homes novos que se plantexan outros modelos de parentalidade e transformar e percorrer o mundo emocional? Como se van encaixar estes novos sistemas relacionais? Que impacto van ter dentro das parellas e das familias? Sobre todas estas cuestións debaterase, ao longo da xornada, da man de Miquel Far Ferrer, profesor na Universitat de Les Illes Balears (UIB), membro do grupo de investigación sobre igualdade de xénero da UIB e presidente da Asociación Balear de Intervención Sistémica (ABIS).

Con Miquel Far Ferrer reflexionarase sobre a importancia de entender a relación existente entre os modelos de masculinidade dominantes na nosa sociedade, as relacións de poder entre xéneros, a disfuncionalidade relacional derivada desta distribución de poder, as condutas de risco asociadas á masculinidade hexemónica, a violencia ligada ao xénero masculino, o dano emocional e a nula xestión dos conflitos no mundo relacional.

Os asistentes terán a oportunidade de integrar na súa contorna laboral (na praxe diaria da profesión), mais tamén no seu propio mundo relacional, os coñecementos e estratexias desenvolvidas na xornada para xerar unha visión persoal, profesional e relacional máis consciente e igualitaria que preveña condutas futuras derivadas da presión social do concepto dominante de masculinidade.