Inda que a reforma de ondas azuis do Estadio de Fútbol de Balaídos borrou as palabras corazón e afouteza que -escritas en grandes letras nun lateral - deron azos durante anos ós milleiros de persoas que pasaban pola zona, a verba e o seu significado profundo forman xa parte do maxín de Vigo e de Galicia. Quedou patente cando onte a Real Academia Galega (RAG) a daba a coñecer como a palabra galega do ano.

Afouteza -que xa dá nome a unha peña celtista e algún que outro local hosteleiro na cidade olívica- foi a elixida tras unha votación popular que rematou na medianoite do día 25 de Nadal e na que, co 48% dos votos, "arrasou", como ben recoñeceu a FARO o presidente da RAG, Víctor Feixanes.

Na pasada edición, a gañadora fora irmandade (polo centenario das Irmandades da Fala) ó colleitar 623 votos dos máis de 2.000 que se realizaron no concurso. Neste ano, afouteza, que significa valor, ousadía, coraxe, venceu con 3.004 apoios -cinco veces máis que irmandade- de entre as 6.228 persoas que participaron na escolla do Portal das Palabras, un proxecto da Real Academia Galega e da Fundación Barrié.

Afouteza foi a palabra do ano que máis votos conseguiu dende a posta en marcha do concurso, no 2014; chegando a mobilizar varios milleiros máis de persoas na votación nesta edición.

Esta última aseveración ten o seu fundamento xa que dende a Federación de Peñas Celtistas fixeron "campaña" para que a xente votara pola verba que chegou como finalista xunto a outros sete termos: independencia (939 votos); sapoconcho (830); eucaliptización (439), teimudo, vaga de lumes, violencia de xénero e velutina. Non obstante, o punto de partida foran 890 termos.

Chamada de optimismo

Dende a RAG, o seu presidente, Víctor Freixanes -que se atopaba onte en Vigo nun acto íntimo de Galaxia e esta fundación na honra do finado Zulueta de Haz como cariño á súa viúva-, sinalaba a FARO o que lle gustaba de afouteza: "É unha chamada de optimismo nestes momentos de depresión onde todo o mundo anda vendo a cara negativa ás cousas, con mil razóns para o pesimismo. Eu quero dicir que hai mil razóns para o optimismo, que a realidade podemos cambialas entre todos para mellor. O ser humano non ten por qué conformarse co fatalismo. Afouteza é valentía, audacia, forza positiva, gañas de cambia-lo mundo para ben. É unha palabra moi acaecida nestes tempos e alégrome moito de que a sociedade, os votantes, escolleran unha palabra así".

Pero, como se fragou o bum desta verba? Siareiros do Celta concordan en que esta palabra galega rexurdiu grazas ó clube de fútbol vigués que a elixiu como lema despois de que no ano 2011 se traducise o himno do castelán ó galego. De aí, que aparecese impresa no propio estadio e nas camisetas da equipación oficial, realizadas por unha emerxente e coñecida marca chinesa, que derivaron en certa polémica por algúns erros ortográficos.

Este diario solicitou ó clube olívico información sobre o tradutor que incluiu a palabra afouteza na versión galega do himno pero ó peche desta edición o responsable de prensa do Celta non respondera á cuestión. Se ben si se fixeron resón da nova vía as redes sociais.

Un bum dende o 2011

De volta ó inicio, no 2011, nalgún foro de internet, se criticaba se a tradución fora errada ou atinada. Algunha voz se preguntaba por que non se podía usar outro termo, coraxe, por exemplo. O que si está claro é que afouteza non é ningún termo novo, neoloxismo.

As súas oito letras rexistran o paso de máis de 21 séculos de historia e transformación lingüística. A súa orixe, segundo a información facilitada onte pola RAG, atópase no verbo latino favere (favorecer, protexer) que os romanos usaban no ámbito relixioso para pedir favores ós deuses. Favere foi evoluíndo mediante o supino fautum para chegar na lingua romance a fouto e fouta. Na fala, gañou unha vogal que deu lugar a afouto e afouta (persoa que ten ou amosa afouteza). Documentos do século XIV amosan a presenza de afouteza nos textos.

Na primeira recollida lexicográfica de Juan Sobreira, século XVIII, afouta era a persoa dilixente e activa nun traballo que se manifesta confiada nun logro. No Tío Marcos da Portela, A Monteira, a revista Nós e A Nosa Terra a principios do XX recolleuse moitas veces ata que no XXI rexurdiu como o Fénix dando á volta ó mundo cando o Celta recibiu en Vigo ó Manchester United cos carteis de "This is afouteza" por toda a cidade.