Conta a escritora e académica da RAG Fina Casalderrey que María Victoria Moreno, nas súas clases, "axudaba a limpar e raspar os quilos de mala pintura que botaran sobre a nosa literatura (a galega). Ela axudounos a descubri-los nosos autores". Casalderrey foi unha desas persoas ás que Moreno, o persoeiro que será homenaxeado o ano vindeiro no Día das Letras Galegas "facía sentir cóxegas coa maneira de entrar na alma das palabras dos autores". Por todo isto e por moito máis, o día de onte foi unha xornada de felicidade para a autora de Os misterios dos fillos de Lúa, malia que na segunda volta da votación do pleno saíra gañadora a súa mestra sacando só un voto máis ca Antón Fraguas.

"Temos que pensar que eran cinco persoeiros dignos de adicarlles as Letras Galegas", sinala Casalderrey quen lamenta que María Victoria Moreno "non foi todo o coñecida que debera fóra de Pontevedra. Merecía máis. Ela non só foi poeta, fixo poetas.Agora, será posible que a xente profundice na súa obra", na que destaca Anagnórise, incluída na listaxe de honra do IBBY (Organización Internacional para o Libro Xuvenil).

Con 20 edicións, este libriño está considerado un dos xermolos da nova literatura xuvenil galega. Esta novela de amor que a piques estivo de converterse nunha película, publicouna Galaxia en maio de 1988 na súa primeira edición. Foi adicada por María Victoria ós seus alumnos de Vilalonga por aledarlle os días de escritura e por regalarlle o bolígrafo co que a escribiu. "As persoas estamos feitas para levar adiante os proxectos máis fermosos", lese nunha das páxinas.

Unha muller "brava"

Se Casalderrey onte era feliz, tamén o era a súa biógrafa Eli Ríos, de A Sega, a plataforma de crítica literaria que no 2015 adicou a Moreno o II Día das Galegas nas Letras para visibilizar que só tres mulleres ata entón foran homenaxeadas pola Real Academia Galega. Na mediodía de onte, sinalaba que "estamos contentas porque para nós foi un esforzo moi grande de levantamento de información e recoñecemento dos seus libros. É unha autora que influiu tanto nas xeracións dende a escrita, a docencia, a nivel persoal. Ela abriu camiños e realidades que estaban sendo ocultas. Ela foi unha muller brava cun carácter impresionante nuns tempos moi complicados".