A xira do programa de dinamización lingüística FalaRedes, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, despediu onte en Compostela a actividade "Tic Tac Toc", un concerto convertido nunha gran festa da palabra que ten como fin animar os cativos a emprega-lo galego como fala.

O lugar elexido para o adeus desta iniciativa, da Xunta de Galicia, foi o Auditorio de Galicia ubicado en Santiago de Compostela. O directo que acolleu foi o último da xira nesta sexta edición do programa. O tour pasou por un total de 19 concellos das catro provincias. As vilas elixidas estaban principalmente na provincia de A Coruña onde tiveron lugar sete concertos; mentras que tanto en Pontevedra, como en Ourense ou Lugo desenvolvéronse catro directos en cada unidade provincial.

Santiago de Compostela foi a única cidade galega incluída nesta xira e alí foi onde rematou coa actuación do músico coruñés Pablo Díaz, que na xira estivo acompañado de Diego Barral (guitarras) e de Álex Fente (acordeón).

Nas súas actuacións, o grupo permitiu ó seu público abrirse a sons do mundo acompañados do galego. Así, foron "incorporando ó seu coñecemento ritmos e sentires de latitudes diversas como Brasil, Cuba ou os Estados Unidos sen abandonar os temas que conforman o universo próximo dos nosos nenos e nenas", informa a Xunta nunha nota de prensa.

Pablo Díaz é unha das figuras actuais máis recoñecidas do panorama musical infantil galego. A súa proposta musical está baseada no proxecto homónimo editado por Galaxia, ten como obxectivos principais a promoción da lingua no ámbito familiar e a súa transmisión afectiva a través da música.

"Quen mellor para propoñerlles ós cativos e cativas cancións para desfrutar dunha tarde en familia e para seguir cantando no coche e na casa ca este músico gañador do premio Martín Códax na categoría de música infantil polo seu segundo traballo, Toc Toc (2013), e autor, ademais, doutras propostas de éxito, como Tic Tac (2010) e Xente miúda, moita fartura (2014)", engadiron dende Política Lingüística.

Desde o mes de marzo e ata finais de ano, as actividades do FalaRedes percorreron diferentes concellos nunha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as administracións local e autonómica que conta con máis de 180 entidades adscritas.

Nas cinco edicións anteriores do programa foron preto de 800 as actividades programadas para públicos de todas as idades. Coma sempre no FalaRedes, a entrada é libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

O concerto de onte tivo lugar na sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia onde os músicos Pablo Díaz e Olga Kirk interpretaron o concerto de peche da xira. O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, acudiu ó evento.