La Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebra esta tarde no Pazo de San Roque (Santiago) o acto de ingreso de Arturo López-Quintela, catedrático no Departamento de Química Física da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e experto en nanotecnoloxía, que se integra na Sección de Química e Xeoloxía. A súa inicia a rolda de incorporacións á institución neste ano, no que entrarán catro novos académicos de diversas áreas de coñecemento.

O discurso de ingreso do novo académico da RAGC titúlase "Clústeres cuánticos de átomos: o último reducto da química por descubrir nos límites da nanotecnoloxía". Logo de pronuncialo, recibirá a medalla de mans do presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos, e o diploma seralle entregado polo reitor da USC, Juan Viaño.

López-Quintela (Os Peares, Ourense) licenciouse e doutorouse en Ciencias Químicas na USC, onde exerceu como profesor titular ata acadar a súa praza de catedrático en 1990. . Ao principio da súa traxectoria investigadora realizou estadías na Universidade de Bielefeld e no Instituto Max Planck, en Alemaña. A esta última institución voltou posteriormente tras conseguir a prestixiosa bolsa Alexander von Humboldt. Exerceu como profesor visitante en diversas universidades estadounidenses, italianas e xaponesas. Ao longo dos últimos anos compaxinou o seu labor docente e investigador co emprendemento innovador.

Os seus amplos coñecementos en nanotecnoloxía animárono a participar como cofundador da empresa Nanogap, spin-off da USC, da que na actualidade exerce como conselleiro científico principal. A empresa, fundada en 2006, emprega a 15 persoas en España e a outras dúas na súa filial en San Francisco (EE.UU). Nestes dez anos, posicionouse como unha das compañías líderes no mundo na produción de nanofibras de prata a escala industrial para aplicacións en óptica e electrónica, ademais de ser a única a nivel mundial capaz de producir clústeres de metais subnanométricos para aplicacións en catálise, óptica, biosensores e medicina. A singular traxectoria de Nanogap viuse xa recoñecida con numerosos premios, como o Emprendedor XXI e ENISA.

López-Quintela ten publicado ao longo da súa carreira 279 artigos en revistas científicas e acredita o mérito de que lle foran concedidas todas as patentes que solicitou ata o momento, un total de 21, das que ten licenciadas 13 para a súa explotación comercial.

Ao acto de esta tarde asisten, entre outros, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; a secretaria xeral da Universidade de Vigo, Gloria Pena; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey; o presidente do Colexio Oficial de Químicos de Galicia, Manuel Rodríguez; o secretario xeral de Anfaco-Cecopesca, Juan M. Vieitez; e a decana da Facultade de Químicas da USC, Pilar Bermejo.