A oitava edición do Culturgal celebrou onte o seu día grande. Dende ben cedo, cunha emisión radiofónica en directo, e ata a noite, co espectáculo "Dá de contar a quen pasa" de Cándido Pazó, a Feira das Industrias Culturais Galegas abriu, por segundo día consecutivo, as súas portas no Recinto Feiral e o Pazo da Cultura de Pontevedra.

Centos de persoas pasaron pola cita coa cultura, que ofreceu numerosas actividades e preto dun cento de stands de 81 entidades e que este ano aumentou un 25% a súa zona expositiva, tamén novidosa ao adoptar unha forma circular.

Un dos actos máis salientables da xornada de onte foi o da presentación do libro "Romaría de historias", do recentemente falecido escritor Xosé Neira Vilas.

A editorial Galaxia decidiu manter a convocatoria do evento a modo de homenaxe, de xeito que no Espazo Libro, onde se levan a cabo as presentacións de novas publicacións, se deron cita os máis achegados ao autor. Rstiveron as escritoras Fina Casalderrey e Loli Beloso, a estudiosa da obra de Neira Vilas Dolores Vilavedra e a experta en dinamización de bibliotecas Pilar Sampedro, así como membros da Fundación Neira Vilas.

O programa de hoxe domingo, derradeiro día do Culturgal 2015, comezará de mañá con varias presentacións, como a do Festival Intercéltico de Moaña, 11.15 horas. So uns minutos despois terá lugar a do festival da lusofonía Cantos na Maré, 11.30.