A cita coa historia concentrou onte a público especialmente sensibilizado cos sucesos acontecidos no 28 de novembro de 1922, en Sobredo (Guillarei), cando máis de dúas mil persoas do entorno xuntáronse no lugar para opoñerse ó embargo de bens a un veciño que non pagou o foro. A manifestación foi disolta pola forza pública a tiros, ferindo a varias persoas e quedando mortas tres: Cándida Rodríguez González que estaba embarazada e era veciña de Pazos de Reis; Joaquín Estévez Besada, de Soutelo; e Venancio González Romero, de Budiño.

O Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo organizou o acto, con participación de colectivos veciñais e intervención do profesor no IES Pedras Rubias, Xoán González Leirós, quen citou e destacou a labor dos mestres do colexio Altamira pola investigación feita sobre a prensa da época e la elaboración dunha unidade didáctica para traballar os escolares nas aulas, e manter así a memoria viva. O profesor de Historia Contemporánea na Universidade da Coruña, Carlos Velasco Souto, incidíu na mesma liña sobre a importancia de transmisión da historia e coñecer os feitos do pasado. Himno e ofrenda floral remataron o acto.