"En momentos de certa depresión; collía o tranvía e marchaba a Baiona para saciar a súa nostalxia do infinito, do mar aberto. Chegaba ata a rompente de Baiona e seica pasaba horas e horas inmóbil ollando para o mar e collendo pedriñas que tiraba contra as olas... Sentía esa necesidade de soidade", lembra Antón Patiño, pintor e autor do libro biográfico Urbano Lugrís. Viaje al corazón del oceáno.

Patiño fala con coñecemento de causa. Seu pai foi amigo íntimo de Lugrís na súa etapa en Vigo. Uníaos o interese pola cultura, por Galicia e a procedencia de A Coruña onde Urbano naceu hai xusto cen anos no seo dunha familia da alta burguesía local.

Quixo o destino que Urbano Lugrís fora un xenio recoñecido no seu tempo pero que agora aínda agarde por un espazo propio na nómina dos mellores do Estado. "Os cadros del eran moi valorados na época. Traballaba exclusivamente por encargo. Era un caso único porque tiña todas as pinturas vendidas previamente. Non había outro exemplo así en Galicia", lembra Patiño.

Eran aqueles anos, cincuenta e sesenta, nos que fixo cartos a fartar e nos que tamén os perdeu na mesma proporción. "Había unha incompatibilidade entre Lugrís e o diñeiro. Non lle duraba nas mans. Non son certas as lendas de que non vendía. Nos anos 50, chegaron a pagarlle 50.000 pesetas por uns murais en A Coruña", sinala o pintor, coñecedor da magnificencia de Lugrís como persoa e escritor desde ben cativo.

Sinalan críticos da súa obra que Urbano Lugrís viviu ao seu xeito -melancólico, bohemio, vividor e, en certo xeito, sufridor- un exilio interior en Galicia ao renunciar a emigrar trala Guerra Civil a pesar das súas ideas de esquerda. "Madrid -onde se relacionou con persoeiros como García Lorca- si que representou un exilio interior para el porque non estaba o mar. Galicia, en absoluto, foi un exilio. Galicia era para el unha illa máxica", sinala Antón Patiño.

Sen embargo, comprender a Lugrís é imposible sen poñer na balanza os seus feitos e ideas. De pai galeguista e republicano; de sentimento tamén el republicano, afíxose a levar as súas ideas no corazón mentres traballaba ás veces para as figuras do Réxime, como por exemplo, a súa obra para o iate Azor de Franco.

Foi diñeiro que gastou en mareas nas zonas de chatos dos cascos vellos de A Coruña e Vigo aos que tanta querencia tiña. "O mundo de Lugrís en Vigo era un pequeno microcosmos de 20 metros en círculo. Movíase pola Viúva, O Elixio, El Manjar (onde comía)... era ese entorno do vello Vigo a carón da Porta do Sol. Alí, tiña a súa vivenda-obradoiro, un pequeno espazo de 12 metros cadrados na rúa Doutor Cadaval, 1, primeiro. Se sacaba a man pola fiesta, podía tocar desde alí O Elixio", lembra o autor de Viaje al corazón del oceáno.

Anécdotas, historias que quedaron nas lembranzas dos seus amigos e que van sendo desfiadas para todos nós nos libros que aos poucos descobren o fío dun home que como ningún outro amou o mar, as súas furnas e as funestas cunchas da morte.