MO xardín das pedras flotantes", de Manuel Lourenzo González, "A cabeza de Medusa", de Marilar Aleixandre, e "Xenaro e o misterio da mochilota verde", de Mar Guerra, foron as novelas gañadoras dos Premios Xerais 2008, entregados onte na Illa de San Simón (Redondela).

O escritor Manuel Lourenzo manifestou a súa ledicia "por ser recoñecido con este premio" e pediu "un aplauso a Xerais, porque estas accións teñen un mérito custoso e ten un significado moi especial", sinalou o autor de "O xardín das pedras flotantes". O xurado desta categoría, composto polos escritores Xabier Puente Docampo, Xosé Miranda, Santiago Jaureguizar, Uxía Casal, Estíbaliz Espinosa e Francisco Alonso Villaverde (editor), considerou esta novela "un relato de amor insólito, extraordinario e paixonal entre dous adolescentes, que arrinca dende a Idade Media e que nos conduce ata a actualidade". Este galardón, na súa 25 edición, está dotado con 25.000 euros.

"A cabeza de Medusa" valeulle a Marilar Aleixandre para facerse co Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros. O xurado acordou conceder por unanimidade este recoñecemento. "A literatura xuvenil ten unha grande calidade, polo que este premio colle aínda máis valor", asegurou.

A outra novela gañadora da noite foi "Xenaro e o misterio da mochilota verde", da xornalista Mar Guerra, co Premio Merlín de Literatura Infantil, unha obra que o xurado definiu como "thriller psicolóxico".

Carlos Reigosa, primeiro gañador do Premio Xerais de novela (1984) por "Crime en Compostela", actuou como mantedor literario do acto e no seu discurso valorou o traballo de Xerais ao longo das tres últimas décadas e dirixíndose aos autores máis novos.

O acto literario, celebrado no Multiusos da Illa de San Simón, foi presentado por Celia Torres, coordinadora dos Premio, e contou coa actuación musical do cantautor miñoto Tino Baz. Á velada asistiron máis de trescentas persoas dos diversos ámbitos da sociedade galega, entre os que se atopaba Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega; Luís Bará, director xeral de Creación e Promoción Cultural da Consellería de Cultura e Deporte; Carme Adán, secretaria xeral de Igualdade; e concelleiros de cultura de Vigo e Redondela, entre outros.