| Con motivo do Día do Libro, o CEIP do Carballal organizou esta semana varias actividades. Como exemplo, onte sacaron a biblioteca ao patio. Durante o recreo, unha gran parte dos fondos da biblioteca deixaron os seus andeis para baixar ao patio e achegar a lectura a todos os nenos do centro, "nun entorno máis lúdico e agradable". Ademais tiveron a sorte de que o tempo claro e soleado proporcionou unha xornada de lectura moi agradable. Hoxe continuarán co apadriñamento lector, no que, tamén no patio, alumnado de quinto e sexto cursos leralle contos ao alumnado de Educación Infantil e alumnado de terceiro e cuarto fará o mesmo co de primeiro e segundo. Durante o mércores e o xoves, o alumnado de quinto curso ofrecerá monólogos ao resto do cole e o venres rematará cunha charla sobre a festa dos Maios, ofrecida polo Ateneo Santa Cecilia.