O Concello de Ponte Caldelas volve acudir á súa bolsa de voluntariado para organizar unha nova actividade de tratamento dos montes queimados na vaga de lumes do pasado 15 de outubro. Despois de utilizar a técnica do "mulching" (palla para acolchar o terreo) nas zonas máis próximas aos regatos das traídas de augas veciñais, mañá, sábado, utilizará a técnica da sementeira con centeo.

O goberno local tripartito adquiriu en días pasados unha tonelada de centeo e dispón de grandes sacos de 40 kg que xa están a ser distribuídos.

A colaboración das comunidades de montes, así como o risco potencial de erosión valorado polos técnicos forestais que asesoran ao Concello son os dous criterios fundamentais que se utilizaron para determinar as zonas onde se vai actuar. Os lugares sen alto risco de erosión ou sen mananciais veciñais ameazados non son prioritarias.