O Concello de Ponte Caldelas levou a cabo obras de mantemento e conservación realizadas este verán no colexio Manuel Cordo Boullosa, situado en pleno centro urbano, deixándoo en perfecto estado para o comezo do curso escolar.

O goberno local tripartito xa acondicionou a ludoteca municipal e, unha vez rematados esta mesma semana os traballos no Cordo Boullosa desprazou ás brigadas municipais de Obras ao colexio da Reigosa, completando así os traballos de mantemento programados.

O alcalde, Andrés Díaz, acompañado do concelleiro, e tamén director do centro, Manuel Barreiro, visitou as obras, que responden integramente ás peticións recibidas dende o equipo directivo.

Os operarios pintaron os corredores da área de profesores, así como dúas aulas que precisaban dun repaso. Tamén deixaron perfectamente acondicionado o vestíbulo da biblioteca. As luminarias do centro foron obxecto de melloras para tratar de evitar as curtas que se producen habitualmente por mor da antigüidade da instalación eléctrica, incapaz de soportar as crecentes necesidades. Ademais disto fixéronse reparacións de fontanería, incluíndo reparacións en billas e tubaxes, así como nalgunhas ventás, onde se substituíron cristais rotos. O alcalde recalcou que o Concello cumpre "escrupulosamente coas súas competencias".