"O cinema de autor feito en Galiza e en galego pode ter moita repercusión e as administración debemos estar aí para apoialo", dixo o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, na visita a unha das xornadas de rodaxe da primeira longametraxe do director Xacio Baño, "Trote", que conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra pola súa promoción da tradición galega da rapa das bestas no contorno do curro de Amil en Moraña, e polo desenvolvemento da trama en lingua galega.

O proxecto de "Trote" naceu como un filme en galego dende o inicio, xa que na película "estamos a falar da tradición e da cultura. Do que somos. Non podía ser doutra maneira", apuntou o director, Xacio Baño.

En canto á escolla da localización, Baño manifesta que atopou na rapa de Moraña "algo máis de verdade na loita entre o animal e o home" que en outras rapas que coñeceu ao longo da xeografía galega. "Buscamos en toda Galiza e tiven a sensación claramente de que aquí había algo que non pasaba nas demais: Había algo máis de respecto e menos de show, había algo máis de verdade na loita entre un animal contra un home. Así o sentín eu e decidimos gravar aquí en Amil", subliñou.

Onte e máis hoxe celébrase a Baixa das Bestas de Moraña, no curro de Amil. Coincidindo coa festa estase a rodar "Trote", que segundo explicou Baño, xurde de dúas ideas, unha visual da rapa e os animais "que é moi apetecible de rodar", cunha historia propia e persoal " da metáfora da vida que é un curro, con animais pechados nun sitio no que se fan dano, marcas que doen, e se golpean igual que os humanos na vida". De aí xorde unha historia de ficción producido por Frida Films e enmarcada nesta tradición cabalar.