As fogueiras proliferan no San Xoán de Ponte Caldelas. O Concello vén de autorizar un total de 51 para a noite máxica do 23 ao 24 deste mes, o que supón un crecemento notable sobre as 45 autorizadas o ano pasado, cando xa se tiña rexistrado un aumento importante. Ademais, mantense a tradición das fogueiras da noite de San Pedro (do 28 ao 29 deste mes), que soben das 6 do ano pasado ata un total de 17.

O decreto asinado polo alcalde, Andrés Díaz, constata que todas as parroquias e practicamente todos os núcleos rurais terán o seu "lume purificador". Tan só tres solicitudes foron denegadas por non cumprir os requisitos esixidos. Todas as fogueiras están a nome dunha persoa, responsable do cumprimento das condicións.

As autorizacións foron concedidas de acordo co previsto na Lei 3/2007 de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, polo que non se autoriza o lume en zonas de influencia forestal. Ademais o Concello recalca que autorización quedará automaticamente revogada en caso de risco extremo de incendio forestal segundo a publicación do índice na páxina web da Consellería de Medio Rural. En caso de que o vento impida un control adecuado, deberá apagarse inmediatamente.

As fogueiras poden ter unha altura máxima de 2 metros e un diámetro de 4 metros. Deben situarse en zonas idóneas e cunha distancia mínima ás casas de 20 metros. Non poderá haber vehículos de tracción mecánica dentro dese mesmo radio, nin tampouco depósitos de combustible ou almacéns de sustancias inflamables. Por outra banda, as cacharelas deben situarse en buracos o máis profundos posible e rodeados de pedra ou dunha pequena gabia.