Conferencias, música, presentacións ou lecturas de textos de Carlos Casares son algunhas das actividades programadas no campus de Pontevedra para festexar o 17 de maio, celebración que as facultades adiantan ao vindeiro día 11.

Un grupo de estudiantes organizou o programa, no que participarán como relatores o filólogo Matías R. da Torre, que disertará sobre "A normalización do galego dos medios. Exemplos de anormalidade lingüística, social e comunicativa", e o exmaxistrado e voceiro de En Marea, Luís Villares, que centrará a súa intervención na normalización lingüística. Tamén están previstas actuacións musicais e as presentacións da revista de tendencias Coolt, do proxecto O Salto Galiza e da miniserie Vento Ferido.

Asemade, a Biblioteca Central do campus celebrará mañá o evento Música para Casares, que combinará a lectura de textos do escritor con actuacións musicais do grupo de música tradicional e do coro do campus.

Estudiantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación son os promotores desta conmemoración, titulada "Resaca das Letras" e que puxo en marcha o profesor Benigno Fernández Salgado coa idea de conmemorar o Día das Letras Galegas días despois da súa celebración oficial en todo o país. Esta xornada de celebración e reivindicación da nosa lingua adiantase ó 17 de maio por terceiro ano consecutivo.

A estudiante de Publicidade Sofía García, integrante do equipo que deseñou as actividades, abertas a todos os interesados, explica que o obxectivo do programa é "darlle un pulo ao galego e facelo dunha maneira diferente, intentando facelo atractivo a través de charlas, actuacións musicais, un pouco de humor...". Pola sua parte, o decano de Ciencias Sociais, Xosé Baamonde, incidiu en que "do que se trata é de afondar na normalización do galego, de como o idioma está representado nos medios".