Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xurxo Souto: "Como ten un comercio local vivo e fecundo esta cidade é viva, fecunda e un referente"

"Nos descubrimentos fálase pouco de Pontevedra pero nós sabemos que é o centro do mundo"

Xurxo Souto, onte, na "oda ó comercio local" coa que participou no programa Capital Shoping. // G. Santos

A campaña Pontevedra Capital Shoping contou onte cun embaixador de luxo, o músico e escritor Xurxo Souto, que foi enfiando todo un poema adicado ó comercio local: "Comercio local concreto, diverso, discreto e atento, un doce universo, servizo total, feliz labirinto para que te perdas, que sempre te acolle, que sempre te espera, que sabe o teu nome e que di: Pontevedra, Pontevedra, todo ten, Pontevedra todo ten".

-Unha regueifa para promocionar o comercio?

-Regueifa non porque estaba escrita, non foi improvisada, pero si foi unha pequena oda ao pequeño comercio; así como hai poemas adicados a arbres, á natureza, gústame reivindicar esta maravilla artificial que é o comercio local de Pontevedra.

-¿De verdade nesta cidade pódese dar a volta ao mundo?

-Si, é que nos diferentes comercios e establecementos de Pontevedra pódese atopar absolutamente de todo, somentes hai que ter a mente aberta e saber buscar. Entón paseando por Pontevedra, pontevedreando, podes dar a volta á Terra, ó planteta enteiro. E logo tamén dixen que bonito é dar a volta ao mundo para volver sempre a Pontevedra.

-Ven vostede moito a esta cidade?

-É que a miña función aquí, así o comentei cando me chamaron para esta convocatoria, é a de turista alucinado (sorrí), turista alucinado que cada vez vai tecendo máis vencellos musicais, culturais, con Pontevedra. Decía antes que non é que Pontevedra sexa unha cidade modelo en calidade de vida, en cultura, e que ademais ten o pequeño comercio, un comercio local moi interesante, non, é o contrario: precisamente como ten un comercio local vivo e fecundo esta cidade é viva, fecunda e referente en calidade de vida.

-O comercio danos diversidade, coma a nosa lingua?

-Efectivamente, a lingua galega é unha referencia fundamental e é moi solidaria con este elemento, o comercio local, que nos da diversidade e algo a compartir cos demais. Decía Luis Seoane "quero facer máis feliz ao mundo coa riqueza da miña diversidade", pois iso tamén é Pontevedra, alén de ter os mellores produtos pode telos con esa música especial da lingua galega.

-É vostede un artista multidisciplinar ¿en qué está a traballar agora?

-Di vostede multidisciplinar, eu digo un enxermante (sorrí) pero todo é o mesmo, vivimos nunha parte do mundo marabillosa, hai moitos problemas evidentemente pero tamén hai unha realidade fecunda e trátase de compartir. Sigo traballando coa música, cos grupos de antes, Os Diplomáticos de Monte- Alto, cos grupos de agora, Os 3 Trebóns, e sigo traballando na literatura.

-Este mes presenta libro

-Si, o día 28 presento en Madrid a versión en castelán do meu último libro, Contos do mar de Irlanda.

Do Berbés a Capetón

-Que trata nesta obra?

-Falo precisamente do que falabamos, da diversidade de nós mesmos, Galiza non é so esta terra ou este asfalto que estamos pisando senón un espacio mariño que abrangue todos os océanos. Ao mellor un mariñeiro do Berbés en Vigo non sabe onde queda Riotorto pero sabe onde queda Capetón, que é o nome en galego do mar de Cape Town, ou un do Muro, na Coruña, non sabe onde queda Oímbra pero todos saben onde queda Antuerpe, que é o nome en galego do mar de Amberes, pois deso falo, desa Galicia do mar que, por certo, ten capital histórica aquí, en Pontevedra.

-É unha cidade moi mariñeira

-De onde sairon grandes almirantes á conquista de Sevilla, onde se fixeron as grandes naos e onde se creou toda a infraestructura para os grandes descubrimentos, como decía aquel, aínda que a escriban outros a nosa historia facémola nós; na aventura dos descubrimentos fálase pouco de Pontevedra pero nós sabemos que aquí é o centro do mundo.

-E que aquí naceu Colón

-Na outra banda do río, en Portosanto efectivamente.

Compartir el artículo

stats