O Culturgal 2015 pechou onte as súas portas despois de recibir a visita de preto de 14.500 persoas. A Feira das Industrias Culturais de Galicia celebrouse durante tres días no Recinto Feiral e o Pazo da Cultura de Pontevedra baixo o lema #presumedeculturgal.

Literatura, teatro, cinema, música e arte en diferentes manifestacións se deron cita esta fin de semana nun evento que xa está pensando na súa novena edición, que se celebrará o 2, 3 e 4 de decembro de 2016, segundo anunciou a organización, e que conta co apoio do Concello de Pontevedra, a Xunta de Galicia e a colaboración da Deputación provincial.

O presidente da Asociación Culturgal, Manuel Bragado, amosaba onte a súa satisfacción polas cifras de público. "A modificación da distribución espacial da feira permitiu unha mellor circulación do público e un maior conforto na experiencia da visita", asegurou.

"O illamento acústico dos espazos funcionou e conseguimos unha feira más ordeda, mellor estruturada que en anos anteriores", engadiu.

Na mesma liña se manifestaba, a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, que afirmou que o Culturgal, "é un proxecto asentado, querido e moi demandado, tanto polo sector profesional como polo propio público".

"Esto nos leva a pensar no futuro da feira, para que sexa un espazo consolidado do que nos poidamos sentir orgullosos", engadiu.

"Estamos a ver que nos últimos anos levou un pulo. Dentro das industrias culturais hai unhas ganas moi grandes de amosarse, de colaborar entre entidades. Os tempos son complexos, pero é necesaria esa colaboración", subliñou.

"O Culturgal seguirá en Pontevedra sempre que a organización así o queira, pero eu son das que pensa que se andamos a mover de lugar un proxecto, a cambiarlle as datas... nunca vai consolidar", indicou a responsable de Cultura do Concello.

Sobre esta cuestión tamén falou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. "O Culturgal está xa moi consolidado. Forma parte do panorama das feiras culturais de Galicia e están cumplindo o seu papel de integración do sector profesional. Aquí están os profesionais da cultura nos diferentes ámbitos", dixo.

"Non vexo ningún tipo de horizonte diferente para o Culturgal que faga mudar a súa permanencia en Pontevedra. Aquí conta co apoio da Xunta, do Concello e da Deputación", recalcou.

Premio do Público

O derradeiro día do Culturgal 2015 controu, entre outros, co acto de entrega do Premio do Público, que este ano recaeu no Festival de cine Curtocircuíto. Recolleu o premio o director da cita audiovisual, Pela del Álamo.

O certame cinematográfico proclamouse vencedor na votación online e popular promovida durante os meses de outubro e novembro polo Culturgal fronte aos outros dous candidatos: a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e Sinsalaudio.

Ademais, o domingo contou con numerosas actividades relacionadas co audiovisual, como as xornadas Firma e Filme, promovidas por Agadic en colaboración con Agapi, que puxeron en contacto ás produtoras audiovisuais cos editores galegos na procura de material fílmico entre literatura máis recente do país.

O violinista pontevedrés Manuel Quiroga (1892-1961) tamén estivo presente dalgún xeito no Culturgal coa proxección dun documental sobre a súa vida con guión da súa sobriña neta Milagros Bará.

Tamén relacionado con Pontevedra, o programa de onte incluiu un acto de presentación do libro "Un cesto de mazás", da xornalista Montse Fajardo.

Os concellos da provincia estiveron este ano presentes a través do stand que a Diputación de Pontevedra instalou no Culturgal. Así, onte o de Moaña presentou o Festival Intercéltico e o de Cambados deu a coñecer as xornadas da Fundación Manolo Paz.

Cinco zonas

O Culturgal desenvolveuse en catro zonas: o Espazo Foro, o Espazo Libro, o Espazo Carpa e o Espazo Infantil. Ademais, habilitouse unha zona de xogos para nenos, Bebeteca, e, como cada ano, unha cafetería.

Foron 81 stands de preto dun cento de entidades as que compartiron espazo no Recinto Feiral e nos que se puxeron á venda libros, productos artesanais, DVD e todo tipo de servizos relacionados co mundo da cultura.

Ademais, a exposición "Somos Espazo: simbioses entre arte e arquitectura" inaugurouse no Pazo da Cultu con motivo do Culturgal. Trátase dunha mostra de arte contemporánea producida pola Deputación de Pontevedra, a través do Museo provincial, e comisariada por Paula Cabaleiro e Antón Sobral. Recolle obras de 24 artistas e arquitectos, que amosan a relación entre arte e arquitectura, e estará no Pazo da Cultura de Pontevedra desde o 4 de decembro ata o 10 de xaneiro.