A cidade de Pontevedra será punto de partida dunha das etapas da Marcha Solidaria Pobos de Galicia polo 0,77%, unha iniciativa que pretende concienciar aos concellos galegos da necesidade de investir en proxectos de cooperación internacional como vía para axudar ao desenvolvemento do terceiro mundo.

A marcha, que está organizada en etapas que se cobren a pé, partirá o sábado 10 de outubro de Pontevedra ás 8.00 horas e pasará por Vilaboa, Soutomaior, Redondela e Vigo.

Así o explicou o presidente da organización "Iniciativa 0,77", Julio Lago Castro, quen hoxe foi recibido pola alcaldesa en funcións, Teresa Casal, e pola directora xeral de Benestar Social, Carmen Santos.

Compromiso

Lago foi informado do compromiso do Concello de Pontevedra , que ten orzamentados nestes momentos 47.010, 12 euros en cooperación internacional e que, ano a ano, incrementa as partidas para este concepto.

A alcaldesa en funcións subliñou a integración do Concello no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, foro a través do que canaliza as partidas que permiten desenvolver proxectos en diversos países en vías de desenvolvemento.

Axuda

A achega pontevedresa ao Fondo é de uns 15.000 euros.

A maiores o Concello colabora con 14.000 euros no proxecto Vacacións en Paz, promovido pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, e subvenciona con 6.010,12 euros á asociación Amarante para actividades de consumo responsable e comercio xusto.

Cen persoas

Finalmente, o Concello asigna 67.661 euros a convenios de colaboración co sector solidario.

Teresa Casal acordou con Julio Lago que o Concello capitalino colaborará na busca dun lugar onde podan pasar a noite as 100 persoas que, aproximadamente, se estima que chegarán á cidade para participar na Marcha.

Procurarase que se sumen a iniciativa persoas de Pontevedra e dos concellos que se percorrerán durante a xornada.