A festa das letras galegas ten en Vilanova dos Infantes a súa expresión etnográfica e cultural. Os oficios artesanais, a música, a danza e mesmo a gastronomía tradicional invaden o burgo medieval convertindo as rúas estreitas e empedradas no escaparate da Galicia de séculos atrás.

Grupos de baile, artesáns e postos gastronómicos ocuparon o espazo arredor da torre medieval para recibir ós asistentes que foron chegando desde primeira hora da mañán para participar nunha festa xa consolidada e que convirte Vilanova na capital etnográfica de Galicia no Día das Letras Galegas mentras no resto das vilas e cidades se suceden as homenaxes literarias á figura á que se lle adica a festa, neste caso ó dramaturgo Roberto Vidal Bolaño.

No doce cumpreanos da romaría, a organización quixo lembrar ó antropólogo Antón Fidalgo Santamariña, merecedor a título póstumo do premio Xan de Barros. Fidalgo participou activamente no nacemento desta cita e publicou en colaboración co profesor Xabier Limia de Gardón o estudio "Vilanova dos Infantes, patrimonio etnográfico de una parroquia ourensana". A súa viúva, Maribel Vázquez, recolleu a peza manifestando o seu "orgullo" nun "día triste" para ela.

Con todo, dez autobuses aparcados na estrada de Celanova e dúcias de coches estacionados no arcén daban conta da importancia desta festa, na que cada ano son máis as persoas que acuden vestidas con traxes de época. Mulleres con saias longas, refaixos e panos na cabeza e homes con traxe de liño e gorra contribúen á escenificación da etnografía galega centralizada no núcleo de Vilanova.

Máis de cen artesáns instalaron postos de teares, bolillos, fiadeiros, instrumentos musicais, xoguetes de madeira, canteiría, cerámica, forxa ou libraría, entre outros moitos oficios que mesmo fixeron demostracións en vivo do traballo das súas mans.

Os baixos das casas convertíronse en postos de alimentación e bares nos que os asistentes puideron degustar todo tipo de produtos. Polbo, carne ó caldeiro, churrasco, lacón, empanadas e unha grande variedade de doces caseiros encheron de olores o casco de Vilanova, invadido pola música improvisada dos asistentes e dos grupos de baile profesionais.