Calpurnia é un nome que inmediatamente relacionamos coas fontes das Burgas e, por extensión, coa cidade de Ourense. En efecto, coñecemos a Calpurnia Abana Aeboso pola inscripción da ara -altar- atopada no ano 1802 na contorna das Burgas, na horta da Casa da Tenencia. Foi un exvoto que esta muller dedicou ás Ninfas das fontes termais que identifican á nosa cidade alá polo II dC., hai máis de 1.800 anos. A inscripción, gravada en latín, con letra capital cadrada, ten o texto seguinte: NYNPHEIS / CALPVRN/IA ABANA / AEBOSO / EX VISV / V S L, que significa "Calpurnia Abana Aeboso cumpriu gustosa o seu voto ás Ninfas, baixo a inspiración dun sono".

O "nome de pila" (praenomen) Calpvrnia, con numerosos exemplos epigráficos, debeu ser moi frecuente na Roma republicana. Calpurnia Pisón se chamaba a última esposa de César (Gaivs Iulivs Caesar), filla do Cónsul Calpurnio Pisón (Lvcius Calpvrnius Piso Caesoninvs). Sabemos que Calpurnia é un praenomen totalmente romano, e vai seguido do nome indíxena Abana, que pode ser a denominación masculina de Apanicvs, constatado nunha ara atopada na capela de Santo Estevo de Vilariño, en Sarreaus.

Atopámonos, entón, ante unha muller indíxena galaica que viviu no século II dC., que tiña un nome de pila plenamente romano e que posiblemente pertencía ao populus tamén galaico dos Aebisocios (Aebisoci). Éste é un dos dez que aparecen citados na inscripción conmemorativa do ano 79 dC. coñecida como "Padrón dos Pobos" -Padrão dos Povos- da ponte romana de Chaves, a Aqua Flavia romana, polo seu contributo na construcción desa magnífica obra de enxeñería que facilita o cruce do río Támega. Estes dez pobos bracaraugustáns que aparecen no epígrafe, cuxo orixinal está no Museu da Região Flaviense de Chaves -o que actualmente podemos ver na ponte é unha réplica- son os seguintes: Aquiflavienses, Aobrigenses, Bibalos, Coelernos, Equesos, Interamnicos, Límicos, Aebisocios, Quarquernos e Tamaganos.

Pero tamén existen dúbidas sobre o propio nome, que diversos investigadores refiren como Naebisoci. O feito de que os nomes dos populi aparezan ordeados alfabéticamente indican que esta última denominación pode ser a correcta.

Hoxe non sabemos de certo onde habitaban os Aebisocios ou Naebisocios, e iso que contamos con intentos de identificación do solar destes galaicos bracarenses dende hai moitos anos. Sirva de exemplo a proposta feita no ano 1888 por Aureliano Fernández-Guerra, anticuario da Revista Archeológica de Lisboa, que fala dos Naebisoci (e non Aebisoci), e os sitúa ao redor dos actuais lugares de Nabeaos e O Naballo, nas terras de Castro de Laza. Para outros, habitarían nalgúns dos territorios limítrofes con Chaves. En todo caso, a súa localización segue a ser descoñecida, aínda que a mayoría das propostas teóricas coinciden en áreas xeográficas do norte da Gallaecia Bracarense e próximas ao alto Támega. Mentres non se resolva esa dúbida, quizá o máis aconsellable sexa pensar que Calpurnia Abana non era da cidade auriense, se non dalgún lugar non lonxano do nordés da Gallaecia Bracarense, posiblemente da zona centrooriental nosa actual provincia.

O culto ás Ninfas, que se extende por todos os territorios do imperio romano, está tamén documentado noutras zonas da provincia ourensana, o que sabemos polo achado de máis aras dedicadas a elas. É o caso das surxencias termais próximas a Aquis Querquennis, en Baños de Bande, onde apareceu a ofrenda feita por Boelius Rufus, ou en Santa Eufemia de Ambía (Baños de Molgas), onde Aurelius Flavs protagoniza a inscripción doutra ara en agradecemento estas deidades das augas.

Noutra orde da cuestión, plantexasenos un asunto moi interesante na inscripción da ara de Calpurnia Abana. Trátase da expresión ex visu, que indica que esta muller obtivo a curación baixo a inspiración dun sono. Este ritual, denominado incubatio, (do latín incubare = deitarse) ten unha orixe moi antiga. Consiste en peregrinar a un santuario ou sitio sagrado e durmir alí. A divinidade, nesta caso as Ninfas, revelaranlle ao doente, por medio dun soño, as causas do mal e a forma de curarse. Este rito estaba documentado nos templos de Asclepio e de Apolo, na Grecia antiga, recoñecéndose tamén en diversas relixións e épocas.

Ademáis, se relacionamos a ofrenda ás Ninfas das Burgas que fixo Calpurnia Abana con outros achados arqueolóxicos máis recentes, podemos entrar nun novo espazo de reflexión. As últimas escavacións promovidas polo Concello de Ourense e dirixidas por Celso Rodríguez Cao, sacaron á luz novos achados. Entre eles, un edificio cunha piscina termal, alimentada polo mesmo manancial que a Burga de Arriba, e que podemos podemos considerar como o santuario do deus indíxena Revve Anabaraego. Este moraba nas Burgas antes que as Ninfas, concedéndolle igualmente ás augas hipertermais un poder curativo milagroso.

A Revve, aproximadamente un século antes de que Calpurnia Abana llo fixera ás Ninfas, dedicaronlle seis aras -cuxas reproduccións podemos ver no Centro de Interpretación das Burgas- outros tantos persoaxes. Algúns posiblemente, como Calpurnia, de fóra da cidade auriense. Esta mudanza ou transformación do culto a Revve Anabaraego no das Ninfas seguramente resposte a un proceso de interpretatio, polo que un deus indíxena pasa a identificarse ou asimilarse a outro existente no panteón romano. Esta mudanza pode ser tamén un elemento indicador da romanización dos habitantes da bracarense, como parece deducirse do propio nome de Calpurnia Abana Aeboso, a "aebisocia" que hai dezaoito séculos e dende outro lugar da provincia, acudíu a cidade das Burgas na busca de saúde.