O vindeiro 30 de outubro cumpriranse 90 anos dende que a revista Nós, impulsada polo coñecido como cenáculo ourensán (Vicente Risco, Otero Pedrayo e Florentino López Cuevillas), saíu a luz. Onte, o Ateneo de Ourense acolleu a cuarta xuntanza orientada as entidades cívicas da cidade, co obxectivo de informar sobre os preparativos da efeméride, consensuar o programa de actos e completar o comité organizador cun comité cívico. A función deste último será a de fío condutor das achegas e colaboracións de todas as entidades interesadas en participar nesta celebración.

Dende a Consellería de Cultura, que xunto ca Deputación de Ourense e o grupo Auri@Nós de Ourense son os promotores desta iniciativa, apunta a que a conmemoración do 90 aniversario rememorará unha publicación adiantada o seu tempo. Segundo os promotores estes actos seguiran a filosofía da publicación, un sendeiro que definen como " cientificamente rigoroso, culturalmente atractivo e socialmente unitario dende a pluralidade democrática". Por iso, ademáis dos actos institucionais o programa de actividades busca involucrar a sociedade ourensá e galega. Faranse, por exemplo, lecturas públicas de fragmentos publicados.

Camilo Fernández, impulsor de Auir@Nós, explica, dende a súa visión persoal, que Ourense ten un gran patrimonio literario impulsado pola revista Nós, "vinculada a cidadanía desta provincia, pero tamén a toda Galicia, é unha revista de país".

Este proxecto non pretende quedar so nun acto puntual, senón que dende todos os grupos implicados, tanto públicos como privados, traballan de cara á celebración do centenario Nós en 2020, un acontecemento que, agardan, sexa un evento plenamente cidadán, de alcance galego, español e europeo.

Nós xurdiu no 1920 coa intención de crear unha sociedade galega civil moderna, xerando conciencia de cultura e de nación, ademais de achegar a lingua galega a todos os ámbitos. Herdeira de La Centuria, na súa primeira etapa tiña un carácter máis literario. Xa nun segundo momento orientouse cara a área máis científica, con traballos en diferentes ámbitos, como a etnografía ou a arqueoloxía.