| A orquestra folk Sondeseu presentou onte o seu disco "Beiralúa" no Auditorio de Cangas. O álbum conta con composicións dos arranxistas habituais da orquestra, como Anxo Pintos, Xaquín Xesteira, Rodrigo Romaní ou Xosé Liz, así como colaboracións de compositores como Xosé Lois Romero, Pedro Lamas ou Quico Comesaña. Entre os temas que se interpretaron onte estaba "San Martiño", unha composición de Anxo Pintos adicada a Cíes para apoiar a candidatura a Patrimonio da Humanidade da Unesco. Sondeseu é unha das primeiras orquestras europeas de música folk contemporánea e na súa formación hai gaitas, percusión, zanfonas, violíns, requintas e frautas de madeira, canto, arpas e corda pulsada.