17 de mayo de 2018
17.05.2018
Actividades arredor do Día das Letras Galegas na comarca

Biblioteca das madeiras do mundo (IV)

O taller de Agustín Bastón en Rodeira acolle outra edición desta mostra artístico-literaria

17.05.2018 | 03:36
Os primeiros visitantes da exposición chegaron onte, durante os preparativos. // Gonzalo N.

Converter en libros as táboas de madeira de distintas especies coa intervención de persoas coas que o artista Agustín Bastón ten amizade, afinidade ou que considera que teñen cousas que aportar para darlle outra vida. A iniciativa, que naceu hai catro anos, segue medrando coa aportación de preto de 30 novas obras que elevan o total por enriba do centenar.

As ramas do piñeiro manso que o temporal derrubou sobre a capela de San Roque toman protagonismo nesta edición, pois cinco das obras aportadas no último ano están feitas da súa madeira. Entre as máis chamativas figura "Sandalias de muller", que Manuel Pena sela cun código QR que agocha unha fermosa historia que renace ao activalo co teléfono móbil. Ramiro Pousada opta por darlle marco ao esquelete dunha piña a modo de trilobites conservado en ámbar, Xosel convirte a madeira nun "Soño de realidade", a bibliotecaria Pilar Refojos grávao cun poema sobre as árbores, o fotógrafo Fran Herbello transfórmao nunha peza conceptual e a profesora Melu Graña nun tomo do "Disionario Morrasense".

Todas acaban de desembarcar na sala de exposicións do artista Agustín Bastón a carón do aserradoiro familiar, en Rodeira, donde as preto de 30 novidades deste ano elevan por enriba das 110 esta peculiar colección que se pode contemplar arredor do Días das Letras Galegas. As portas estarán abertas ata o vindeiro domingo día 27 en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 21.00 todos os días agás os domingos, que pechará pola tarde.

Aínda que a madeira do piñeiro manso de San Roque acapara especial protagonismo nesta edición, o temporal tamén transformou a arte doutros exemplares senlleiros, como un pinsapo centenario do castelo de Soutomaior que non puido coa cicloxénese explosiva do inverno e foi aproveitado pola pintora viguesa Sofía Vázquez para elaborar o seu libro. En madeira de pexegueiro realizou Xulio Lago o titulado "..." [puntos suspensivos], en laranxeiro plasmou o artista Toni Casaus unha das súas barcas e a sobreira (alcornoque) serviulle de soporte á creadora Flavia Roca para elaborar "La cubierta".

Exemplares exóticos

Pero trátase dunha peculiar "Biblioteca das madeiras do mundo", e como tal recibe aportacións de todas as latitudes. Así, o profesor Iago Santos Castroviejo bota man do aguacate para reproducir "Os Amoxtli", libros pintados ou códices mexicanos; Adrián Lamoso emprega cocobolo procedente de Costa Rica para facer o seu "Caderno de notas", o escultor vallisoletano Ignacio Cabello presenta dobre obra feita en madeiras de xenebro e pauferro, mentres o "Mapa de oliviña" de Iria Costa está plasmado en madeira aínda sen identificar.

Pezas, xunto coas elaboradas en edicións anteriores, que fan medrar os argumentos para visitar esta mostra moi preto da praia de Rodeira.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
 

Calendario laboral y escolar 2017/2018

Calendario laboral 2018 en Galicia

Calendario Laboral 2018 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2017/2018 .

 

Enlaces recomendados: Premios Cine