Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Don José Piñeiro, un médico solidario e humanista

Chegou a ser alcalde de Cangas en 1917 e os que o coñeceron destacan a súa intelixencia e bondade

Persoeiros de Cangas no Centro Recreativo (cara 1920).

José Piñeiro Graña (Cangas, 1878) foi un médico moi humanitario. Exerceu a medicina hai xa algúns anos e sempre a favor da nosa xente. Era un home miúdo de corpo, moi boa persoa .

Foi alcalde de Cangas. Con 39 anos, presentouse como cabeza de lista nas eleccións de 1917. Houbo moitas protestas pola forma en que foran convocados estes comicios. E, fose por isto ou por outras razóns, deixou a política. En realidade nunca lle interesara, segundo tiña manifestado porque o obrigaba a certas servidumes (ir nas procesións, por exemplo) que non lle compensaban.

Don José Piñeiro era o médico visitador das monxas de clausura da Compañía de María que abriran o colexio da Enseñanza en Cangas. Tamén exerceu de médico municipal até 1931, cargo do que foi cesado polo Concello durante a República. As competencias do médico municipal eran varias: como tocólogo controlaba os embarazos e os partos xunto á parteira, atendía as inspeccións dos barcos, as campañas contra a varíola, vixiaba o uso da sacarina (substancia prohibida daquela na elaboración das gasosas), informaba sobre a saúde dos mozos dos reemprazos e ditaminaba sobre o peche das escolas afectadas por epidemias.

A familia

O seu pai, Manuel Piñeiro del Río, natural de Domaio, foi concelleiro e xuíz municipal e socio da empresa La Iniciadora, dedicouse á comercialización de peixe por xunto e a medir fincas. Dun primeiro matrimonio tivo dous fillos: Manuel e o médico José. Dun segundo matrimonio a Xoaquín, Félix e Luísa.

O médico don José estaba solteiro e vivía coas súas sobriñas Quiquina e Ninina. O seu irmán maior, Manuel (1877), secretario do xulgado municipal de Cangas e presidente fundador do Centro Recreativo, casara con Xosefa Pastoriza Fresquet, nacida en Cuba, da familia de Andreíta (quen viñera a Cangas para ser curada polo médico dalgunha doenza). O seu fillo Manuel Piñeiro Pastoriza (1905), un home comprometido, presidente da Alianza Mariñeira e impulsor de La Reinvidicadora, foi asasinado polos falanxistas de Cangas, nos primeiros días do levantamento militar, o 11 de agosto de 1936, A morte a tiros deste sobriño de 31 anos, provocou unha forte depresión nunha persoa tan sensible e tan humana coma era o seu tío.

Nesta altura da vida, don José Piñeiro, con 58 anos, andaba cheo de tristeza paseaba ausente polo interior da casa, coma unha pantasma. Estaba case sempre illado nun cuarto escuro tal era a depresión que lle provocara este horror dos xenocidas.

Este bo médico posuía dúas calidades: intelixencia e bondade. "Cando era moi nova xa meu avó falaba del con devoción, como quen fala dun santo. Era coma un merlo branco, a quen os deuses tocaron coa súa variña máxica".

A consulta

Pasaba consulta na praza do Eirado do Sinal (hoxe pizería Baratto) e tiña moi boa sona coas enfermidades relacionadas co aparato respiratorio e coa pel. Nunha ocasión preparou un ungüento para lavarlle as dores a un cativo que se queimara. A pomada caseira que facía con herbas naturais cheiraba como a menciñas, e tiroulle as dores. Tiña moitos recursos froitos do seu saber.

Antes da Seguridade Social

Don José Piñeiro coma outros tantos médicos, traballou nunha época na que non existía a Seguridade Social. tempos moi difíciles, de moitos traballos, de moitos fillos nas familias e de moita fame. Todos tiñan como norma "non cobrar a quen non poida pagar". Xente que tiña pouco rogáballe con dúas pesetas para que lle cobrara algo pola consulta: pero non as aceptaba.

Así se entende que a xente o siga admirando e querendo, lembrándoo con agarimo despois de tantos anos.

*Socios de A Cepa

Compartir el artículo

stats