A asociación Queremos Galego Marín presentou na Adega da Capeleira o libro solidario "Elefantes de papel", que escribiron María Salinas e Berto Pirata."Elefantes de papel" é un libro composto por 52 relatos e ilustracións de Humberto Ademar Farías Iglesias. Estes textos tratan distintas temáticas sociais como a pobreza, o papel dos avós na sociedade, o coidado da terra, os refuxiados xunto con outros temas como o amor, o humor, etc.

Con este libro os autores pretenden crear unha vaga de solidariedade cuxo primeiro paso é doar un euro por cada libro vendido á ONG Conrazones.

A maiores, en cada presentación os autores tamén doan outro euro por libro vendido á asociación que organice o acto ou a aquela ONG que esta decida. No caso da presentación en Marín, a Asociación Queremos Galego Marín destinou tamén a cantidade obtida a Conrazones.

O libro que tamén se publicará en breve en braille a través da ONCE presentarase en 52 actos, tantos como relatos, ao longo do país.

Na presentación en Marín, ademais dos dous autores dos textos que compoñen o libro, tamén estivo un membro da ONG Conrazones, quen explicou o traballo que realizan nesta organización desde o punto de vista material, mais tamén do cariño que dan e reciben da numerosa xente a quen axudan e con quen colaboran.

Pola súa banda, tanto María Salinas como Berto Pirata explicaron que os levou a editar este libro e porque decidiron doar parte da recadación a Conrazones. Berto Pirata, nado en Lavapiés, preocupado e consciente da importancia da lingua de Galicia, explicou en galego a súa experiencia no campo de refuxiados de Idomeni que protagonizan algún dos relatos do libro.

Despois de Marín, xa teñen novas citas ao longo do país para presentar esta iniciativa solidaria. Pódese seguir todo o que pasa ao redor do libro na súa páxina de facebook.