11 de febrero de 2018
11.02.2018

Habendo homes coma ti, non faltarán nunca gaiteiros

11.02.2018 | 12:26

Hoxe é un día triste. A gaita está de loito. No medio do desfile de entroido dos nen@s do colexio do Hío entérome que faleceu Anxo Gago "Lito".

@s gaiteir@s en xeral, e os do Hío en particular, teremos sempre unha débeda contigo. No ano 1978 comezache a dar clase de gaita no colexio do Hío nunha época onde tocar a gaita non estaba ben considerado. Co teu empeño e paciencia lograche sacar en somentes un curso unha primeira remesa de rapaces (daquela contabamos con 12, 13 e 14 anos) que co tempo fomos aprendendo outras técnicas, formamos outros grupos e, en consecuencia, espertamos do seu letargo a gaita na nosa contorna.

Sen un mal xesto, sen unha mala palabra, foche capaz de poñer naquel grupo de rapaces a semente da gaita e da música. Fixeche con nós un esforzo e sacrificio inmenso xa que os ensaios eran os domingos pola mañá e ti, despois de estar toda a semana traballando, sacabas tempo para vir a ensinarnos.

Non só nos ensinache a tocar a gaita. Tamén nos transmitiche valores como o respecto, compañeirismo e humildade. Dicías que de todos os que tocan a gaita se aprende, aínda que consideremos que nós o facemos mellor.

Sempre estiveche atento a calquera inquedanza na parroquia e disposto a axudar. Despois da túa etapa no colexio dirixiche a banda de gaitas Mazaroca e tamén formache parte do grupo "Os Hioenses", co que chegache a gravar un LP.

Como recoñecemento a ese traballo longo, preciso, calmado e insistente, o Concello de Cangas concedeuche no ano 2016 o premio Xoán de Cangas. Un premio máis que merecido, aínda que ti, coa humildade a que nos tiñas acostumados, non estabas moi de acordo cando se che propuso para o mesmo.

Este vai ser un entroido distinto, apático, triste. Aínda así, o martes de carnaval ollaremos para a esquina do Xogo da Bola, en Nerga, para buscarte e saber a túa opinión dos gaiteiros de cada aldea. Esa esquina onde os entendidos da gaita na parroquia vos atopabades cada ano.

Nunha das tuas composicións, a "Muiñeira do Gorgullón", que lle adicache a Manolo Solla "Lucho", ao remate da partitura puxeche uns versos que, co teu permiso, fago meus:

"Habendo homes coma ti
Donde queira que os haxa
Non faltarán nunca gaiteiros
Nin amor pola nosa gaita"

Grazas mestre!

*Gaiteiro do Hío

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
 

Calendario laboral y escolar 2017/2018

Calendario laboral 2018 en Galicia

Calendario Laboral 2018 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2017/2018 .

 

Enlaces recomendados: Premios Cine